BNG | nota de prensa
Ana Miranda defende a eficacia da planta de Lousame fronte o modelo “insostible e contaminante” de Sogama que impón a Xunta
Madrid, 28 de outubro de 2021. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denunciou a nefasta política de residuos que leva a cabo o goberno galego mediante a imposición do modelo Sogama, que segundo explicou é “ineficaz, insostible e contaminante”. Así, criticou que incumpre diversas normativas europeas, como son a Directiva de Verquidos, a de Envases e a de Residuos, xa que non recolle separadamente a materia orgánica, senón que vai mesturada co resto con destino á incineración de forma que o plan de xestión de residuos en Galiza está baseado en “queimar o lixo”.
“Porén, en Galiza si temos outros modelos respectuosos co medio ambiente, como é o complexo medioambiental do Barbanza, en Lousame”, destacou Miranda na súa intervención na xornada “Un cambio de rumbo: a prevención dos residuos”, á que asistiu convidada pola asociación Amigos da Terra, e na que defendeu a necesidade de chegar ao mínimo de 50% de reciclaxe, tal como fixa a UE.
A portavoz do Bloque en Europa explicou que este complexo do Barbanza xestiona desde o ano 2003 os residuos domésticos de 9 concellos, cun total de 86.000 habitantes. O centro conta con 150 traballadoras e traballadores e cumpre o principio de proximidade, ao tratar os residuos domésticos de concellos da comarca, mediante un sistema de recollida selectiva denominado húmido-seco, -catalogado polo MITECO como tipo 2- e que consiste na separación da fracción orgánica e inorgánica, ademais das fraccións vidro e papel-cartón.
“Podemos comprobar, segundo os datos facilitados polo propio MITECO, que mediante este sistema o complexo medioambiental do Barbanza obtén uns resultados de recuperación de materiais para a súa reciclaxe moi superiores ao modelo Sogama, defendido inexplicablemente polo goberno galego”, sinalou Ana Miranda, quen denunciou que Sogama non cumpre os requisitos de eficiencia enerxética “xa que non acada a eficiencia mínima do 0,6% que marca a UE para a incineración poida ser considerada valorización.
Defensa dos postos de traballo
Desde a xornada sobre residuos celebrada en Madrid –organizada por diversos colectivos ecoloxistas- Ana Miranda trasladou aos traballadoras e traballadores o apoio do BNG, xa que no ano 2023 remata a actual concesión de FCC. Por outro lado, lembrou que o BNG leva anos denunciando, tanto en Galiza como no Estado e en Bruxelas, -xunto a diversos colectivos defensores do medio ambiente como ADEGA e a Plataforma Galega contra a Incineración- a nefasta política de residuos que practica en Galiza o PP, xa que non potencia a reciclaxe nin a reutilización.