Cornado Mina Non | nota de prensa

A autoridade municipal permitiu a edificación dunha gardería en terreos contaminados da antiga mina de Touro

Ignacio Codesido Barreiro (PP), alcalde de Touro, favoreceu a recalificación urbanística duns terreos da empresa propietaria, Explotaciones Gallegas S.L., impulsando a creación dunha zona dotacional pública ao carón dunha das balsas mineiras e no ámbito por onde pasaba o antiga canle perimetral de augas residuais da explotación.
A autoridade municipal permitiu a edificación dunha gardería en terreos contaminados da antiga mina de Touro
Canle de vertedura de augas acedas
Canle de vertedura de augas acedas

Ademáis dun Punto de Atención a Infancia (P.A.I.) inaugurado en 2016, feito máis que problemático debido á curta idade das nenas e nenos asistentes, todo comenzou coa instalación dun campo de fútbol en 1994 que ao ano seguinte derivou en entulleira municipal, instalacións ambas que co tempo foron substituídas na mesma área por unha piscina, unha pista de tenis e outra de futbito, un aparcadoiro de autocaravanas, un invernadoiro, unha área recreativa, a Casa da Cultura, o edificio de Protección Civil e unha residencia da terceira idade.

Vista de satélite actual (2021) da zona dotacional pública impulsada polo Concello de Touro na que poden aprecisarse o perímetro da antiga balsa de residuos do Portapego / Google Earth

Se xa de por si isto xa sería bastante grave, ao atoparse esta zona dotacional pública en plena área mineira, a carón dunha das balsas máis contaminadas -e contaminantes- como é a do Portapego e sobre a canle perimetral que recollía augas residuais da antiga explotación, no enclave instalouse o Centro de Interpretación do río Ulla, un parque infantil e un parque “biosaudable”.

Augas acedas na cercanía do Punto de Atención á Infancia (P.A.I.) de Touro / Cornado Mina Non

Aínda a día de hoxe, a escasos metros da gardería e do resto das infraestruturas públicas alí situadas atópanse diversas canles e surxencias de auguas hiperacedas ricas en metais pesados procedentes dos terreos da mina que poden no seu conxunto considerarse coma un desastre ambiental que está a ter un impacto negativo directo sobre a contorna e a saúde da poboación.

Canle de vertedura de augas áctidas situada a escasos metros da gardería de Touro / Cornado Mina Non

PARTICIPACIÓN DA XUNTA

O máis grave, sen embargo, non é só a recalificación e uso urbanístico duns terreos mineiros en semellantes circunstancias, senón que a Xunta de Galicia, a través da exconselleira Beatriz Mato participase dende a Consellería de Traballo e Benestar Social -actualmente denominada de Política Social- achegando finalmente 135.000 euros para a instalación dun Punto de Atención á Infancia de 20 prazas. Fose por descoñecimento ou por falta de competencia no seu traballo, non é aceptable que a Administración galega colabore nun proxecto situado nunha área situada a escasa distancia dalgunha das canles fluviais máis contaminadas de Galicia.

Sinatura do convenio entre Ignacio Codesido, alcalde do PP en Touro e Beatriz Mato, por aquel entón conselleira de Traballo e Benestar. A Xunta aportou uns 135.000 euros para a edificación da gardería de Touro nos terreos mineiros / Xunta de Galicia

ESIXENCIA DE RESPONSABILIDADES

A Plataforma veciñal Cornado Mina non recorda que segundo os propios datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) a contaminación ten un custe inasumible para a saúde da infancia e que as nenas e nenos están máis expostos a este problema aínda máis que os adultos xa que pode afectar ao seu desenvolvemento futuro.

No marco dos Obxectivo de Desenvolvemento Sostible, a OMS leva anos instando ás autoridades a nivel local, rexional e nacional a alcanzar unha serie de metas orientadas a mellorar a contorna en materia de hixiene a fin de poñer fin aos riscos que ameazan á infancia, garantindo unha vida sana e promovendo o seu benestar o cal, á vista das circunstancias que se están a vivir en Touro, é incompatible coa actividade dependente da minería metálica.

Por este motivo, Cornado Mina Non pide unha investigación do caso e anuncia que esixirá responsabilidades aos responsables públicos desta desfeita que ven a confirmar que o legado da mina de Touro, tanto onte co proxecto de Riotinto Patiño como hoxe coa iniciativa de Cobre San Rafael e Atalaya Mining non pode asumirse nin dende o ámbito social nin no plano ambiental.

A autoridade municipal permitiu a edificación dunha gardería en terreos contaminados da antiga mina de Touro