BNG | nota de prensa
O BNG defende sete propostas para mudar o actual modelo de tratamento de residuos
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022.- Pleno.- A través dunha moción, o deputado do BNG, Luís Bará defendeu sete propostas para mudar o actual modelo de tratamento de residuos, entre as que destacou a tramitación dunha “estratexia galega de biorresiduos para todo o territorio galego” que inclúa todos os sistemas de xestión, fomentando todo o tratamento de proximidade mediante a compostaxe domiciliaria e comunitaria así como a agrocompostaxe, ademais de someter esta Estratexia ao procedemento de avaliación de impacto ambiental.
O parlamentario aludiu á licitación de contratos para a planta incineradora de SOGAMA en Cerceda e das súas consecuencias, unha adxudicación, dixo, que supón seguir trasladando as mesmas toneladas de residuos cando en realidade, este modelo debe cambiar e “reducir drasticamente as toneladas” e cun contrato que “nos ata até o ano 2027”
Bará criticou que o PP continúe coa propaganda e afirmando que “somos un referente en Europa” cando a Unión Eropea mostrou o seu desacordo coa incineración de residuos en países avanzados como Alemaña ou Dinamarca. A propia UE, defensora das normativas da economía circular declara a necesidade de reducir ao “imprescindible” a incineración. Na súa intervención, Bará amosou un xornal no que a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez destacaba o “fito de SOGAMA por situar a Galiza en redución e reciclaxe”, declaracións do 20 de xaneiro coincidindo coa apertura da planta de compostaxe da Areosa en Cerceda que tardou “ano e medio en recibir os primeiros bioresiduos”.
Nesta liña, lembrou que Galiza só conta co 18% de reciclaxe grazas a sistemas como Lousame e Nostián cando en realidade “tiñamos que alcanzar o 50%” e estamos obrigados a cumprir co 55% no ano 25. “A este ritmo non o imos cumprir nin no ano 2100”.
O goberno galego sigue coa estratexia do avestruz, agocha a cabeza para non ver a realidade pero “SOGAMA ten os días contados”, sentenciou o nacionalista. SOGAMA, remarcou, “non é sostible e vai en contra do cambio climático”. Resulta “aberrante” que nun país como Galiza, con 30.000 núcleos de poboación sigamos transportando os residuos en camións ou tren para secalos e “en conivencia con Naturgy” destinalos a enerxía. “Urxe descentralizar este modelo, ir a proximidade, a autosuficiencia, a autocompostaxe domiciliaria e comunitaria como esta a facer o concello de Pontevedra, como sistema preferente”.
Sobre a estratexia de biorresiduos, o deputado afirmou que é “unha ilegalidade” porque debe facerse a través do plan de biorresiduos de Galiza e no caso contrario debe ser sometida ao procedemento de “información e participación pública” porque son tres plantas e catorce plantas de transferencia.
Por outro lado, tamén advertiu que a grande cantidade de plásticos instalados nas cercanias de SOGAMA “van a arder” o serán queimados e rematou a súa intervención ofrecendo a Cámara galega “un acordo sobre os recursos e residuos” para convertelos en riqueza e fonte de emprego. Este cambio, dixo, é “unha grande oportunidade para colocar a Galiza á cabeza e non á cola na xestión de biorresiduos”.
O parlamentario lamentou que unha vez máis, o goberno galego continúe enrocado nun modelo “insostible” para beneficiar as grandes empresas eléctricas e “as portas xiratorias”. Enterrar o biorresiduos é máis eficaz para loitar contra o cambio climático que cambiar todos os coches ao sistema eléctrico, concluíu o nacionalista.