BNG | nota de prensa
O BNG denuncia o descontrol e falta de planificación do Goberno do PP no relativo á subestación eléctrica de Abegondo
A deputada pola Coruña recrimina a falta de información por parte dos Populares, que nin planifican a súa política eólica nin comparten información sobre uns parques “que irían conectar a unha subestación en Abegondo da que non temos sequera coñecemento da ubicación e moito menos do proxecto”
Santiago de Compostela, 15 de febreiro 2023.- O BNG levou ao Parlamento a falta de planificación do Goberno do PP respecto da súa política eólica e, en concreto, o caso do Monte do Gato, unha zona que forma parte da Reserva da Biosfera Mariñas – Terras do Mandeo, na área de ampliación da Rede Natura
A deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, denunciou a falta de planificación da Consellería de Industria pola subestación de Abegondo. “A política do goberno do PP respecto da súa política eólica é caótica e escurantista”, recriminou. En concreto, no caso do Monte do Gato entre os concellos de Aranga, Coirós e Oza dos Ríos, proxéctanse 6 parques eólicos nunha zona que forma parte da Reserva da Biosfera Mariñas – Terras do Mandeo. Dito proxecto xa consta de múltiples alegacións da veciñanza, concellos e asociacións na defensa do medio ambiente. Ademais, conta cunha declaración de impacto ambiental negativa, a do parque Fontella.
“Os proxectos dos Parques Seselle, Feás e Fontella, proxectados por Galenergy, anuncian a evacuación da súa enerxía á subestación de Abegondo, de ubicación aínda descoñecida”, detallou Queixas. Dous destes parques, advertiu, están “pendentes de autorización da Xunta”, advertiu, e irían conectar a unha subestación “da que non temos sequera coñecemento da ubicación e moito menos do proxecto”.
No ano 2016 aparecía planificada por Red Eléctrica de España unha subestación eléctrica en Abegondo con tres posibles ubicacións proxecto que “quedou paralizada”, detallou, sen estudo de impacto ambiental e tamén sen coñecer, a día de hoxe, o emprazamento definitivo da subestación. Segundo a información que facilitou o goberno do Estado diante dunha pregunta de Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, a tramitación desta subestación foi transferida á Xunta e Red Electrica retirou o proxecto que estaba tramitando. Para a deputada pola Coruña “confírmase” a falta de planificación conxunta de parques eólicos, liñas de evacuación e subestacións “ao se tramitaren por separado e sen coordinación interadministrativa, porque non hai un plan eólico ordenado”, engadiu a deputada nacionalista.
Unha política de “opacidade e falta de garantías” do Goberno do PP, palabras da propia Xustiza respecto da súa política eólica, subliñou Queixas. A consellería de Industria admitiu diante das preguntas do BNG que Red Eléctrica rexistrou un novo proxecto o pasado luns para esta subestación en Abegondo.