Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
Ecoloxistas en Acción denuncia novos sondeos da mina de litio Alberta I
Ecoloxistas en Acción ven de interpor varias denuncias contra a empresa Recursos Minerales de Galicia, filial do Grupo SAMCA, pola nova campaña de sondeos que ven de iniciar no monte veciñal en man común de Doade, logo da derrota xudicial do proxecto mineiro do ano pasado. A mineira xa presentara un proxecto de explotación para a primeira das fases da macromina de litio “Alberta I” que a Xunta tentou tramitar sen sometelo a avaliación de impacto ambiental. O proxecto afecta aos concellos de Beariz, Forcarei, Avión e Cerdedo-Cotobade.
Esta semana unha empresa contratista de sondeos iniciou novas prospeccións coas que pretende esquivar a caducidade do permiso de investigación, concedido hai case dúas décadas e que a día de hoxe a administración manten vixente. Non obstante, parte dos sondeos realizados ata agora no Monte da Lama Cega (SS1 e SS2) encóntranse próximos ao Rego do Porto de Anta, sen que conste que se teñan autorizado estas actuacións pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, organismo que xa no seu día informara negativamente o proxecto mineiro.
A comezos de 2022 a empresa viuse obrigada a desistir da súa demanda no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia logo de que Ecoloxistas en Acción se personase como codemandada e expuxese a complicidade de mineira e administración nun procedemento viciado desde o inicio por prescindir do trámite ambiental. Mesmo así, xa entón se alertara que se tratara de apenas unha victoria temporal, pois a empresa estaba preparando a documentación dun novo proxecto para acadar a concesión de explotación.
Lembran que o proxecto que pretende presentar a empresa supón fragmentar artificialmente unha verdadeira macromina, coa que a empresa pretende explotar sucesivamente media ducia de minas ao longo de 20 kilómetros, incluíndo varias a ceo aberto. Ao mesmo tempo, a empresa Strategic Minerals, que xa comezou a explotación da mina da Penouta, pretende continuar a explotación cara Avión, Boborás e Covelo, onde está tramitando os proxectos “Alberta 2”, “Carlota”, “Macarena” e “Maite”.
A organización ecoloxista fai un chamado á movilización e á unidade frente á mina, pedindo ás comunidades de montes afectadas que non se deixen chantaxear nin enganar pola empresa para permitir sondeos nos seus territorios. De levarse a cabo a explotación, esta afectaría ás traídas de auga existentes, provocaría a contaminación dos cauces e crearía riscos de subsidencia e dano ás estructuras das vivendas máis próximas, situadas a apenas 500 metros da explotación proxectada.