BNG | nota de prensa
O BNG logra un novo acordo unánime no Parlamento para demandar as competencias dos centros galegos do IEO que o PP apoia en Galiza pero que rexeita no Congreso
Santiago de Compostela, 20 maio 2022.- O BNG impulsou un novo acordo unánime no Parlamento galego, o cuarto neste sentido dende 2016, para que a Xunta reclame ao Estado o traspaso das competencias da totalidade da xestión económico administrativa dos centros do Instituto Español de Oceanografía en Galiza e que pasen deste xeito a formar parte da estrutura da propia Administración galega.
A deputada nacionalista Carmela González agardou que, nesta ocasión, o PP apoie o acordo tamén en Madrid, logo de recriminarlle que “o mesmo PP que aquí votou a favor da transferencia de competencias dos centros oceanográficos de Galiza á Xunta, en Madrid votou en contra”, en referencia ao último acordo da Cámara galega acadado en decembro de 2020 e que “tan só 18 días despois” acadou o voto en contra dos populares a exactamente a mesma demanda defendida polo BNG na Comisión de Ciencia, Innovación e Universidade do Congreso.
“Non é ningunha sorpresa, o Partido Popular vota en contra da transferencia de competencias a Galiza sistematicamente”, reprochou González, quen recalcou a “submisión do PP galego aos seus xefes en Madrid” e recordou que nos 13 anos de presidencia de Núñez Feixóo na Xunta o seu balance foi de “0 competencias” para o País.
Nesta liña, a deputada do BNG criticou que agora “nos laiamos porque as sedes de pesquería e acuicultura do IEO van para Santander e Mazarrón, en Murcia”, unha decisión que considerou “inxusta” xa que o centro oceanográfico de Vigo é referente nestes ámbitos, pero sobre a que tamén advertiu que, ao contrario do que mantivo o PP durante o debate parlamentario, non foi repentina e xa se levaba tempo sabendo que o Goberno central tiña pensado tomala.
“A pregunta aquí é que fixo o Goberno galego, a diferenza doutros territorios, para situar a Vigo e A Coruña no mapa das posibles sedes?”, cuestionou, para engadir a continuación que se limitarse a “mandar unha carta é todo o que fai a Xunta, non me estraña que esteamos como estamos”.
Na defensa da súa iniciativa, que tamén inclúe demandar do Goberno estatal as sedes permanentes de pesquería e acuicultura do IEO para o Centro Oceanográfico de Vigo, evidenciou a importancia de obter a transferencia de competencias precisamente para que este tipo de decisións se tomen en Galiza. “Iso é o que pedimos con esta iniciativa: ter as competencias sobre a nosa investigación no sector do mar, ter soberanía para decidir sobre o noso sector pesqueiro, que é estratéxico para o País”. Ao seu xuízo, “isto é unha cuestión de peso político”, polo que considerou para rematar que “ou a Xunta comeza a gañar este peso político ou seguiremos perdendo”.