Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

A mineira de San Finx e Varilongo colapsa en bolsa afogada por procesos xudiciais

Ecoloxistas en Acción denuncia o risco de quebra e a ausencia de garantías financeiras  de Rafaella Resources para facer frente á restauración das minas de San Finx e Varilongo.

A mineira de San Finx e Varilongo colapsa en bolsa afogada por procesos xudiciais

A organización ecoloxista sinala que as minas de Lousame e Santa Comba están implicadas en media dúcia de procesos xudiciais por prevaricación e delitos contra o ambiente.

20/05/2022. Esta semana o valor na bolsa australiana da mineira que controla as minas de San Finx (Lousame) e de Varilongo (Santa Comba), Rafaella Resources, ven de caer a mínimos históricos, cotizando por debaixo dos 4 céntimos australianos (0,02 euros por acción) e caendo máis dun 80% desde a súa cotización máxima de 2019, cando se fixo coa mina xalleira.

Ecoloxistas en Acción xa denunciou en xaneiro que o traspaso da mina de San Finx por parte de Sacyr a esta empresa ligada a un conglomerado opaco con sede nos paraísos fiscais das Illas Virxes Británicas e Hong Kong, non era máis do que unha estratexia para fuxir das súas responsabilidades ambientais sobre unha explotación que pon en risco millares de postos de traballo nos bancos de marisqueo da ría de Muros e Noia, a apenas 7 km de distancia.

Para a organización ecoloxista, a evolución bursátil de Rafaella Resources confirma a manobra de endoso do pasivo ambiental practicada por Sacyr, pois queda en evidencia que unha empresa descapitalizada e con cotización irrisorias é incapaz xa non só de explotar as dúas minas galegas, senon de facerse cargo da restauración e impactos ambientais que estas causan.

Ecoloxistas en Acción denuncia que a Xunta leva máis dunha década sen actualizar a insignificante fianza ambiental de ambas minas, cando o custo real de restauración en caso de quebra ou fuxida das concesionarias sería multimillonario. Este desleixo da Xunta levaría a repetirse o caso de Monte Neme, onde foron as administracións as que tiveron que asumir os custos de restauración logo de anos de lucro e subvencións das concesionarias. "Ademais, ao permitirse o control das concesións mediante sociedades interpostas, neste caso Biscay Minerals Limited, a mineira Rafaella Resources nin sequera respondería co seu propio capital" subliñan desde a organización ecoloxista.

Unha maraña de procesos xudiciais

O colapso burástil prodúcese cando Rafaella Resources se ve implicada pola maraña de procesos xudiciais que afectan ás minas de San Finx e Santa Comba. No caso da de Lousame, existen catro causas penais contra unha dúcia de funcionarios e altos cargos por varios delitos de prevaricación, malversación e falsedade documental nos xulgados de Santiago de Compostela así como unha causa por delito ecolóxico pendente de reapertura no xulgado de Noia.

Na mina de Santa Comba, tamén están pendentes de resolución varios recursos ante a Audiencia Provincial relativos a presuntos delitos de prevaricación e danos ambientais. En paralelo, Rafaella Resources mesmo chegou a cursar unha denuncia falsa contra Ecoloxistas en Acción como tentativa desesperada de intimidación, á vista da insostible situación ilegal da explotación, que nin conta con autorización de vertidos nin avaliación de impacto ambiental, ao igual que a de San Finx.

De Hong Kong a Majadahonda

Rafaella Resources aterrou na Galiza a través do conglomerado opaco Starboard Global, empresa con sede nas Illas Virxes Británicas, e que controla indirectamente boa parte do accionariado de Rafaella Resources, estando representada por Robert Wrixon na súa directiva. Mais o control sobre o terreno exérceno o dúo Steven Turner e Susana García Sánchez desde Majadahonda utilizando un entramado de enxeñaría fiscal formado polas concesionarias Tungsten San Finx S.L. e Galicia Tin & Tungsten SL, así como porlas sociedade Rafaella Recursos España Servicios SL e Rafaella Recursos España Capital SL.

A mineira de San Finx e Varilongo colapsa en bolsa afogada por procesos xudiciais