Brigadas Verdegaia | nota de prensa
As brigadas plantarán un milleiro de carballos en Santa Comba este sábado
A iniciativa ambiental celebra en Grixoa de Esternande 3 anos de traballo e máis de 1000 voluntarias inscritas
Calquera persoa pódese apuntar ata o día 16 para unha xornada que incluirá festa, monicreques e un xantar no monte
As Brigadas deseucaliptizadoras cumpren tres anos de traballo e máis de 1.000 brigadistas inscritas e, para o celebrar, lanzan xunto coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Grixoa de Esternande, en Santa Comba, a primeira acción en terras xalleiras.
Trátase dunha plantación de 1.000 árbores autóctonas, na súa maior parte carballos, que se plantarán na xornada do sábado 19 de marzo, homenaxeando con cada árbore todas as voluntarias participantes e facendo un chamado para que se sumen moitos milleiros máis.
A Comunidade de Montes Veciñais de Grixoa de Esternande é o último dos colectivos veciñais que se uniu como anfitrioa local neste proxecto e convida a todas as persoas que o desexen a participar neste sábado na primeira das convocatorias que organiza nos seus terrenos comunais. As pesoas interesadas deben enviar un email antes do día 16 de marzo a [email protected]
A xornada comezará ás 9:30 da mañá cos traballos de plantación de especies autóctonas, continuando logo do xantar comunitario con actividades lúdicas e culturais, incluíndo un espectáculo de monicreques para as máis pequenas.