Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

A contaminación do aire por ozono repunta en Galicia por efecto do cambio climático

Finalizadas as restricións da mobilidade pola crise da COVID-19, as vagas de calor estivais de 2022 elevaron as puntas de ozono, que  mesmo así mantén  niveis por debaixo dos anos previos á pandemia.

O informe anual sobre a contaminación por ozono de Ecoloxistas en Acción conclúe que a práctica totalidade da poboación e do territorio galegos estiveron expostos este ano a unhas concentracións no aire deste contaminante considerada insalubres pola OMS.

A contaminación do aire por ozono repunta en Galicia por efecto do cambio climático
O informe estatal sobre ozono elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza, no que respecta a Galicia, os datos recollidos entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2022 en 32 estacións oficiais de medición da calidade do aire.

Entre as principais conclusións do informe salientamos as seguintes:

  1. O ozono é un contaminante moi complexo, que non ten unha fonte humana directa, senón que se forma na superficie terrestre en presenza de radiación solar pola combinación doutros contaminantes denominados precursores, emitidos polo transporte (en especial os vehículos diésel), as centrais termoeléctricas, certas actividades industriais ou a gandaría intensiva. Trátase polo tanto dun contaminante secundario que no verán afecta as áreas suburbanas e rurais influenciadas pola contaminación urbana e industrial
  2. Debido ás actuais características climáticas de Galicia a formación de ozono é moderada, evitando que se acaden as elevadas concentracións que teñen lugar noutros territorios da Península Ibérica. No entanto, durante 2022 os seus niveis aumentaron con respecto aos dous anos da pandemia (2020 e 2021) por efecto das vagas de calor do verán, que foi extremadamente cálido, o máis quente de polo menos os últimos 60 anos. Porén, non se atinxiron as concentracións habituais nos anos anteriores á pandemia.
  3. O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia o valor recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), segundo o cal o aire contaminado por ozono afectou en 2022 a totalidade da poboación e do territorio galegos, coa única excepción da cidade de Pontevedra, coa menor contaminación por ozono de España.
  4. Se se considera o valor obxectivo trienal establecido pola normativa, máis laxo que a recomendación da OMS, non habería poboación en Galicia que respirase aire contaminado por ozono por riba do estándar legal no período 2020-2022.
  5. A frecuencia das superacións dos estándares da OMS e legal foi inferior á dos anos previos á pandemia, con descensos de respectivamente o 32 % e o 42 % en relación á media das rexistradas no período 2012-2019. No entanto, en 2022 producíronse catorce superacións do limiar de información á poboación en Ourense e Vigo e na denominada Zona Norte de Galicia, coincidindo coa vaga de calor de mediados de xullo.
  6. A mellora da situación foi máis relevante en Pontevedra, as áreas metropolitanas de Ferrol e Vigo e a Zona Sur de Galicia. De maneira puntual e en niveis moderados, o ozono aumentou en Ourense e nas áreas metropolitanas da Coruña e Santiago.
  7. A crise climática confírmase como un factor de primeira orde no agravamento dos episodios de mala calidade do aire por ozono troposférico, por causa do incremento das temperaturas, o alongamento progresivo da duración do verán e a redución das precipitacións, a sumar a outros prexuízos ambientais entre os que en 2022 hai que salientar os virulentos incendios forestais.
  8.  A contaminación por ozono debe abordarse como un problema sanitario de primeira orde. Durante o verán de 2022, o Instituto de Saúde Carlos III identificou en Galicia 235 mortes atribuíbles ás elevadas temperaturas e á maior exposición asociada ao ozono. As persoas máis afectadas son nenas e nenos, maiores, mulleres embarazadas e quen padecen doenzas cardiorrespiratorias crónicas.
  9. A información á cidadanía por parte da Xunta de Galicia sobre a contaminación por ozono non é adecuada. Durante o episodio de moi elevada contaminación de mediados de xullo en Vigo e a Zona Norte de Galicia, a Xunta limitouse a difundir avisos informativos rutineiros, e no episodio de Ourense, nin a Xunta nin o Concello, advertiron á poboación, como é preceptivo. Por outro lado, o protocolo da Xunta fronte aos episodios de alta contaminación non contempla medidas específicas para este contaminante.
  10. As principais vías de actuación para reducirmos a contaminación do aire por ozono son a diminución do tráfico motorizado, a adopción das mellores técnicas industriais dispoñibles, a substitución dos disolventes orgánicos por auga, a redución do consumo enerxético e a substitución  da enerxía fósil por renovable, sendo urxente neste sentido pechar totalmente a central de carbón das Pontes. Tamén é necesario crear unha Área de Control de Emisións no Oceano Atlántico como a existente no Mar do Norte, reducir o tráfico aéreo, penalizar fiscalmente os vehículos diésel e unha moratoria para as grandes explotacións gandeiras intensivas.
  11. A dous meses de que finalice o prazo para que todas as cidades de máis de 50.000 habitantes establezan zonas de baixas emisións, para mellorar a calidade do aire e mitigar a mudanza climática, Ecoloxistas en Acción pide aos alcaldes que prioricen a saúde da veciñanza sobre cálculos electorais pouco xustificados. 

 

A contaminación do aire por ozono repunta en Galicia por efecto do cambio climático