medio ambiente
A contaminación do aire repuntou en Galicia durante 2022
O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos recollidos en 53 estacións oficiais de medición distribuídas por toda Galicia. Entre as súas principais conclusións, salientan:
Durante 2022 a calidade do aire en Galicia empeorou con respecto aos anos 2020 e 2021, cun aumento dos niveis de ozono troposférico e máis matizado de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5) e dióxido de nitróxeno (NO2), aínda que sen atinxir as concentracións habituais en anos anteriores á pandemia.
O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da Unión Europea. De acordo a eses limiares, o aire contaminado afectou en 2022 a totalidade da poboación galega.
Se se toman os estándares da normativa en vigor, máis laxos que as recomendacións da OMS, non habería poboación que respirou aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación, por riba dos límites legais.
Tres de cada dez galegas e galegos respiraron en 2022 un aire que incumpriría os novos estándares legais propostos pola Comisión Europea para 2030, no proceso de revisión en curso da normativa de calidade do aire, o que expresa a magnitude do reto a asumir polas administracións nos próximos anos para se aliñaren coa futura lexislación.
As partículas en suspensión PM10 e PM2,5 seguiron a afectar principalmente as sete principais cidades e as zonas industriais de Arteixo, A Mariña e Oural (Sarria), onde se superaron os valores medios diarios e anuais recomendados pola OMS para estes contaminantes. Tamén na Galicia rural, se ben en menor medida que na urbana, se superaron os valores recomendados pola OMS para as partículas PM2,5.
Nas sete maiores cidades, agás en Lugo e Ferrol, superouse o valor medio anual recomendado pola OMS para o dióxido de nitróxeno (NO2), como consecuencia do intenso tráfico motorizado. Os niveis máis altos volvéronse rexistrar na Coruña e en Vigo. Na área metropolitana de Vigo tamén se superou o novo límite legal proposto pola Comisión Europea, o que ademais non aconteceu só para o NO2,
senón tamén para as partículas en suspensión.
-O valor máximo diario de dióxido de xofre (SO2) recomendado pola OMS superouse en Arteixo e Oural (Sarria), baixo a influencia das emisións da refinaría de petróleo de Repsol e de Votorantim Cementos Oural, respectivamente.
-Superouse o valor medio anual recomendado pola OMS para o canceríxeno benzopireno (BaP) na área industrial situada entre A Coruña e Arteixo e nas contornas da fábrica de coches de Stellantis en Vigo e da planta de produción eléctrica con biomasa de Greenalia en Teixeiro (Curtis). Trátase dun feito moi preocupante que debería levar á Xunta a ampliar as medicións deste contaminante e a profundar no estudo das súas fontes, entre as que destacan a industria e a queima de biomasa para obter enerxía ou en incendios forestais.
-As estacións de medición A Alameda (Ourense), Coia e Oeste (Vigo), Buscás (Ordes), Lalín, Magdalena (As Pontes) e Campelo (Poio) rexistraron superacións do limiar de información á poboación por episodios de contaminación por ozono troposférico (O3) durante a vaga de calor de mediados de xullo, superacións sobre as que a Xunta limitouse a difundir avisos informativos rutineiros.
-Aínda que a crise climática confírmase como un factor determinante no agravamento dos episodios de mala calidade do aire, o factor esencial para explicar a repunta da contaminación atmosférica durante 2022 é a recuperación da mobilidade motorizada e da actividade económica previas á pandemia da COVID-19.
A única forma de mellorarmos a calidade do aire nas cidades é diminuír o tráfico motorizado, potenciando a mobilidade activa peonil e ciclista e o transporte público. Tamén é necesario, en todo o territorio, promover o aforro enerxético, adoptar as mellores técnicas industriais dispoñibles, pechar as centrais térmicas de combustibles fósiles, penalizar o diésel, reducir o uso do avión, designar unha área de control das emisións do transporte marítimo e unha moratoria das novas macrogranxas gandeiras.
Informe completo: https://www.ecologistasenaccion.org/294459/