ADEGA | nota de prensa
A Escribenta das Canaveiras continúa en perigo de extinción dez anos despois do seu plan de recuperación en Galiza
Galiza, a 20 de xuño de 2023.- Cúmprense dez anos da entrada en vigor do Decreto 75/2013, do 10 de maio, polo que se aprobaba o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galiza. Este Decreto chegaba xa con seis anos de demora con respecto á aprobación do Decreto 88/2007, de 19 de abril, polo que regula o Catálogo galego de especies ameazadas, onde a devandita subespecies de escribenta das canaveiras aparece como En Perigo de Extinción. Neste lapso de tempo, esta escribenta, probablemente o paseriforme máis ameazado de Galiza, continúa con poboacións exiguas, existindo apenas 20-30 parellas reprodutoras actualmente (ver Monografía SEO/BirdLife) e cumprindo os criterios dunha eventual categoría de “En Perigo Crítico”. Resúmense os diferentes censos publicados e a presenza en diferentes zonas húmidas en Galiza na Táboa 1.
A escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), tamén chamado escribidor das canaveiras, é unha pequena ave da orde Passeriformes de ampla distribución en Europa e Asia, onde é parcialmente migradora. Ten 19 subespecies, unha das cales, E. s. lusitanica (Figura 1), distribuíase orixinalmente pola costa atlántica ibérica, desde o País Vasco ata o sur de Portugal. Porén, ten desaparecido de moitos dos seus antigos encraves de cría, e mantense con poboacións exiguas apenas en zonas húmidas costeiras de Galiza e de Portugal ao sur ata Lisboa (Ver monográfico SEO/BirdLife).
Obxectivos dificilmente atinxíbeis. Unha protección tardía e insuficiente.
Cómpre subliñar que un dos obxectivos do Plan de recuperación é “Aumentar o tamaño da poboación existente (…) nun horizonte temporal de 20 anos e se acade unha poboación reprodutora superior a 112 parellas”. Cando se elaborou o Catálogo galego de especies ameazadas (ano 2007) os efectivos reprodutores en Galiza desta ave habitante de canavais rondaban as 56 parellas. O Plan de recuperación chegou con demora (en
2013), e en 2015 contatouse que só existían 11-12 parellas reprodutoras de escribenta das canaveiras en Galiza, se ben cunha cobertura espacial mellorábel. Aínda considerando as 20-30 parellas estimadas en 2021, fican só 10 anos para lograr que a poboación se multiplique por seis (!) e acadar esa desexable poboación reprodutora de máis de 112 parellas.