Eleccións Galicia
A Coordinadora Eólica Así Non insta aos candidatos á Xunta a abrazar un modelo enerxético alternativo
A Coordinadora Eólica Así Non, integrada por máis de 200 entidades e colectivos, fai un chamamento a todas as formacións políticas que buscan gobernar a Xunta de Galiza nas eleccións do 18 de febreiro. A organización propón un modelo enerxético alternativo para o país e presenta un decálogo baseado nas conclusións das xornadas "Temos Alternativa", celebradas o ano pasado en Pontevedra.
O movemento insta a que a cuestión enerxética e a aposta polas enerxías renovábeis sexan parte dos debates e discursos das formacións políticas durante a campaña. Ademais, Eólica Así Non fai un chamamento á cidadanía galega para elixir un goberno que protexa os seus intereses e promova un modelo enerxético sostible.
Tras tres anos de mobilizacións e reclamacións, a Coordinadora critica a falta de atención dos gobernos anteriores, tanto o de Núñez Feijóo como o de Alfonso Rueda. A organización denuncia que as demandas, incluíndo a moratoria de proxectos eólicos, foron rexeitadas, e acusa a Xunta do Partido Popular de intensificar a ofensiva contra as comunidades afectadas.
As críticas non se limitan ao goberno galego, pois a Coordinadora tamén se dirixe ao goberno central de Sánchez. Critican a anulación da avaliación de impacto ambiental dos parques eólicos e a imposición da enerxía eólica no mar de Galiza sen a debida avaliación do seu impacto na pesca e na biodiversidade mariña.
O decálogo presentado pola Coordinadora inclúe principios como a planificación enerxética ao servizo do país, o respecto ao medio ambiente, a intervención pública na produción e distribución de enerxía, e a participación democrática da poboación na toma de decisións sobre o aproveitamento dos recursos.