medio ambiente
A Fiscalía abre expediente contra SOGARISA e a Xunta pola contaminación nas Somozas
A Fiscalía abriu un expediente contra a empresa SOGARISA e a Xunta pola contaminación rexistrada nas instalacións do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galiza (CTRIG), localizado no polígono das Somozas. A denuncia foi presentada por ADEGA a finais de 2023, na que se alertaba sobre os reiterados episodios de contaminación e a falta de transparencia por parte da Xunta.
O CTRIG, xestionado por SOGARISA e unha UTE (PMA-CONTECO / SOGARISA), trata máis de 150.000 toneladas anuais de residuos industriais, incluíndo substancias tóxicas e perigosas. A contaminación, que xa foi noticia no verán de 2022 debido ás emisións tóxicas provocadas pola inertización dos refugallos perigosos, volveu repetirse recentemente.
ADEGA solicitou á Xunta a información analítica dos controis ambientais realizados no CTRIG, pero esta petición foi denegada. A falta de transparencia e as medidas insuficientes para abordar a contaminación levaron a ADEGA a presentar a denuncia na Fiscalía, que agora inicia un expediente.
A Fiscalía considera que os feitos denunciados poden constituír indiciariamente un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente por parte da empresa, así como un delito de prevaricación administrativa por parte da Xunta. ADEGA espera que esta actuación contribúa a poñer fin aos episodios de contaminación e urxe a depuración de responsabilidades na Xunta pola súa inacción e permisividade na xestión dos residuos industriais nas Somozas.