ADEGA | nota de prensa
Día Mundial dos Océanos: A plataforma galega non debería converterse nun polígono industrial
O desenvolvemento da enerxía eólica mariña e por extensión das renovábeis no mar (undimotriz, mareas...) está a ser fonte de controversiaca polos posíbeis impactos sobre os hábitats, a biodiversidade mariña e os recursos que fornece o océano. Concordamos na necesidade de acadar os obxectivos comprometidos na COP15 (Conferenza das Partes) de Montreal de decembro de 2022, particularmente no que atinxe ao compromiso 30x30: protexer o 30% das terras, augas e océanos para 2030, así como a de acadar paralelamente unha rápida e ambiciosa descarbonización.
Porén, estes dous obxectivos non deberían colidir e moito menos ser causa dun maior impacto ambiental: a mudanza do modelo enerxético e substitución das enerxías fóseis por fontes renovábeis debería facerse sen deteriorar os fráxiles hábitats oceánicos e a súa biodiversidade, nen derramar os servizos ecosistémicos que os océanos prestan á humanidade.
A eólica mariña pode constituir unha grave ameaza para a conservación dos océanos
No Estado español a eólica mariña (e por extensión as enerxías renovábeis no mar -undimotriz, mareas...) carece hoxe dunha planificación propia, ao contrario que na terra. Alén do RD 1028/2007 que fixa os requisitos administrativos para promover un PE mariño, non existe unha norma de carácter sectorial que alén das áreas con maior recurso, estableza as condicións de desenvolvemento, os criterios de implantación, xestión e exclusión, etc. O POEM (Plano de Ordenamento do Espazo Mariño) recentemente aprobado non é unha norma sectorial e arrastra graves eivas, quer a falla dunha Avaliación Ambiental Estratéxica ou a falla de consideración doutras actividades como a pesca artesanal.
Deste xeito o POEM esquece que pola costa galega discorren algúns dos corredores migratorios de aves (mariñas e terrestres) así como de cetáceos máis importantes do mundo, no primeiro caso con pasos de centos de millóns de individuos ao ano. Este extraordinario feito debería constituirse nun dos principais factores de exclusión para aproveitamento eólico nas nosas costas, habida conta de que as taxas máis altas de mortalidade de aves por parques eólicos acontecen nos corredores migratorios.
Outro tanto ocorre para os cetáceos: considéranse excluídas para o aproveitamento eólicono POEM só as áreas críticas de 5 especies, cando nas augas galegas están presentes nada menos que 24, 9 frecuentes, sobre as que existe ademais un importante descoñecemento dos seus movementos, estado de consservación, densidades poboacionais, etc. aliás da falla de datos sobre o impacto nestas poboacións das eólicas offshore.
Estas graves omisións, erros de planificación e indeterminacións con respeito á situación da biodiversidade e os potenciais efectos das instalacións eólicas mariñas sobre os hábitats e especies, abondarían para en aplicación do Principio de Precaución, desbotar calquera desenvolvemento da eólica mariña nas costas galegas.
Infelizmente isto non está a acontecer: as empresas seguen a presentar os seus proxectos coa comenencia da administración, malia a ter declarado unha moratoria en xuño de 2021...
Neste Día Mundial dos Océanos cómpre que as administracións reflexionen sobre cais son as súas prioridades na loita contra a mudanza climática: atender ás presións das eléctricas para facer negocio rápido ou tutelar un desenvolvemento racional que garanta a conservación dos ecosistemas e dos recursos mariños.