Ecoloxistas en Acción insta á RFEF a non utilizar Afouteza como subsede do Mundial 2030 por ser ilegal
A Coruña, 24 de febreiro de 2024 - No comunicado dirixido á RFEF, a organización ecoloxista destaca que a Cidade Deportiva Afouteza foi declarada ilegal, en sentenza firme polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao ser construída en terreos forestais de especial protección sen a tramitación dun Plan Especial de Dotación e Infraestrutura.
A Real Federación Galega de Fútbol propuxo Afouteza como unha das catorce subsedes para os centros de adestramento e celebración de partidos amigables no marco do Mundial 2030 que se organizará entre España, Portugal e Marrocos.
Ecoloxistas en Acción alerta sobre a ilegalidade da construción da Cidade Deportiva Afouteza en terreos forestais sen a tramitación adecuada e sinala que a obra foi realizada sen o debido Plan Especial de Dotación e Infraestrutura. Ademais, destaca que a construción excedeu amplamente o permitido polas licenzas, chegando a crear instalacións privadas cun edificio de case 3.000 metros cadrados, mentres que a cualificación do chan restrinxía a construción a uns pequenos vestiarios e almacéns.
A organización ecoloxista considera que a elección de Afouteza como subsede para o Mundial 2030 implica un "branqueo dunha ilegalidade urbanística e un atentado ambiental" por parte da Real Federación Galega de Fútbol. E sinala que hai outras instalacións deportivas públicas na provincia de Pontevedra, legalmente construídas e mellor equipadas, que poden ser consideradas como alternativas para ser subsedes do evento.
Ecoloxistas en Acción solicita á RFEF que, na súa inspección ás instalacións de Afouteza, teña en conta os feitos sinalados e desestime a súa designación como subsede, evitando así contribuír á perpetuación dunha ilegalidade urbanística e a posibles danos á imaxe da institución.