Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

Levan ao Xulgado ao dono da mina de Touro pola explotación da canteira de As Somozas

Ecoloxistas en Acción presentou denuncia nos Xulgados da Coruña polo grave impacto ambiental que está causando a explotación da canteira de Francisco Gómez, dono da mina de Touro, nas Somozas.

Levan ao Xulgado ao dono da mina de Touro pola explotación da canteira de As Somozas
1
1

A organización ecoloxista demanda que se depuren responsabilidades penais, xa que as continuadas infraccións cometidas pola empresa mineira poden resultar un delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, así como de presuntos delitos de prevaricación.

Resaltan a especial gravidade das verteduras e arrastres producidos desde a explotación mineira, que supoñen a inxección de contaminantes á Zona de Especial Conservación do Río Xuvia, espazo natural integrado na Rede Natura 2000.

Ecoloxistas en Acción ven de denunciar á empresa titular da canteira das Viñas, situada no concello das Somozas, logo de verificar a pasividade da administración tras continuas denuncias. Trátase de Francisco Gómez, quen está detrás da mineira Explotaciones Gallegas, responsable xunto con Atalaya Mining da tamén polémica mina de Touro.

A canteira encóntrase nunha situación irregular, unha vez que a concesionaria orixinaria, CUIÑA S.A., nunca comezou a actividade, establecendo a lexislación que ao pasar máis de 6 anos sen actividade desde a aprobación da Declaración de Efecto Ambiental (DEA), que data de 1996, esta vira nula. Denuncian que, a pesar disto, o xefe de servizo de minas da Xunta na Coruña considera vixente a antiga DEA, eximindo á nova concesionaria, que adquiriu os dereitos mineiros durante a liquidación concursal, de realizar a necesaria evaluación do impacto ambiental causado pola súa explotación mineira.

A organización ecoloxista alerta tamén que a empresa mineira está incumprindo as medidas de seguridade e protección ambiental, xa que non construíu a balsa de decantación prevista no proxecto de tal forma que non hai ningún sistema de recollida das augas de escorrentía. Isto provoca que en días de chuvias os lodos dos residuos mineiros rematen nos regatos próximos que, a súa vez, desembocan no río Xuvia, espazo protexido da Rede Natura 2000.

Esta situación foi denunciada repetidamente pola Asociación de Veciños A Cañota ante Augas de Galicia, a administración de minas e o concello das Somozas. Alcaldes de varios concellos da zona mostraron a súa preocupación polo grave problema que supoñen os vertidos desde a explotación mineira, sen que ata o momento se realizara actuación algunha tendente a paliar a situación por parte dos organismos competentes.  

É por iso que, ante o desleixo da administración galega na protección ambiental, Ecoloxistas en Acción cursou denuncia por presuntos delitos contra o medio ambiente e os recursos naturais contra a actual empresa explotadora da canteira e de prevaricación ambiental contra os funcionarios que informaran favorablemente infrinxindo a lexislación. Ecoloxistas en Acción denuncia ademais o carácter sistemático deste tipo de irregularidades nas explotacións mineiras da Coruña e demanda da Xunta que deixe de ser cómplice de quen non é respetuoso co medio ambiente.

Levan ao Xulgado ao dono da mina de Touro pola explotación da canteira de As Somozas