Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
Protestan fronte á sede en Berlín da empresa dos sondeos mineiros ilegais de Castriz
A empresa sueca Eurobattery Minerals volve á carga con máis sondeos ilegais a pesar de aínda ter pendente un expediente sancionador da Xunta polos que realizou en xuño pasado, e que foron paralizados logo de numerosas denuncias presentadas por Ecoloxistas en Acción e outros colectivos ambientais e veciñais. O pasado venres iniciábanse novo os sondeos, motivando unha nova onda de denuncias, desta vez acompañadas de accións de protesta.
Nada máis coñecerse o inicio dos sondeos, foi organizada unha protesta frente á sede da empresa Eurobattery Minerals en Berlín, país onde tamén cotiza na Börse Stuttgart. Instáronse carteis contra a minaría ilegal e pedindo o fin das agresións ambientais sobre a Braña da Serra, un humidal de especial valor e alta singularidade ecolóxica, cuxa protección foi demandada en diversas ocasións. A empresa pretende facer neste lugar unha inmensa mina a ceo aberto de cobalto, níquel e cobre.
A sede en Berlín tamén doutras empresas ligadas ao conglomerado de empresas que teñen como home de palla en Alemania a Roberto García Martínez, e que tamén inclúen os proxectos de minas de estaño e volframio “San Juan” na Gudiña e Varilongo, en Santa Comba, todas elas ligados ao empresario de Oleiros José Manuel Corbal Debén e á sociedade opaca internacional Starboard Global Limited, igualmente responsable polo polémico proxecto da Mina Muga, en Navarra e Aragón.
Ecoloxistas en Acción denuncia que a día de hoxe poidan seguir realizándose estes sondeos, que perforan ata 1 km de lonxitude, carecendo das preceptivas autorizacións. Ningún dos sondeos ilegais ten un Plan de Restauración ou Estudo de Impacto Ambiental asociados, non tendo sido sometidos a información pública nin ao exame dos distintos organismos sectoriais para avaliar os seus potenciais impactos. Ao tratarse de sondeos inclinados, estos poden afectar a acuíferos e ao nivel freático.
Á vista da negativa da Xunta de parar a minaría ilegal, a organización ecoloxista advirte que iniciará accións legais inmediatas tanto contra a empresa, como contra os seus representantes e os funcionarios da Xunta que, por omisión e inacción, están permitindo a impunidade destas conductas.