Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
"Repsol faite cargo": A xira de pescadores afectados polo maior desastre ambiental da historia do Perú chega a Galicia
O acto, presentado pola xornalista Alba Barbadillo e a celebrar no espazo da librería "A Tobeira de Oza" da Coruña (rúa Merced 24) o xoves 2 de marzo ás 18:30 horas, contará coa presenza de Zenón Gallegos e Luis Antonio Díaz, pescadores artesanais e dirixentes das asociacións de pescadores de Chancay e Aucallama, xunto ao sociólogo peruano Alejandro Chirinos -director de CooperAcción- e Aranza González, da plataforma veciñal galega "Aire limpo nas Mariñas Mandeo".
O seu obxectivo será reivindicar xustiza e reparación para as máis de 50.000 persoas afectadas pola vertedura de petróleo acontecida na costa do país sudamericano en xaneiro de 2021, así como esixir a restitución ambiental dos ecosistemas danados polo vertedura, que finalmente afectou a unha superficie de 11.060 hectáreas.
A vertedura, de 10.396 barriles de petróleo, causou non só un verdadeiro desastre ecolóxico senón que tivo un grande impacto a nivel socioeconómico en actividades como a pesca, o comercio e o turismo. Doutra banda, afectou gravemente á biodiversidade, nalgúns casos a especies en perigo de extinción como a nutria mariña ou o pingüín de Humbold, ademáis de a 48 praias e dúas áreas naturais protexidas.
"Este desastre ambiental supuxo unha dura proba para a capacidade de resposta do Estado peruano a todos os niveis, e as comunidades e familias deben ser compensadas de maneira xusta, polo que Repsol debe facerse cargo dos danos causados e asumir a súa responsabilidade" -afirmou Nery Díaz, presidenta da Asociación Ecoloxistas en Acción Galiza-.
A xira, iniciada o 14 de febreiro, rematará o próximo 3 de marzo logo de percorrer as cidades españolas de Barcelona, Valencia, Alicante, Madrid, Bilbao e A Coruña.