STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA | nota de prensa
STOP EÓLICOS dispón mesa informativa en Bande este domingo contra a invasión eólica
A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA disporá unha mesa informativa na Costa do Campo da Feira, en Bande, este próximo domingo 5 de decembro, coincidindo coa celebración do Mercado do Xurés.
O obxectivo da mesa é servir como punto de información á veciñanza sobre os proxectos de instalación de centrais eólicas en Bande, Celanova-Verea, e nos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos, así como liñas de alta tensión que afectarán tamén Muíños e Xinzo de Limia. Estamos a falar de concellos nun evidente declive demográfico e cuxos territorios pretenden ser convertidos como “terra de sacrificio” polas grandes corporacións enerxéticas como Iberdrola, Bay Wa ou Greenalia, tres das que teñen plans para as nosas montañas. Mais aínda queda xente, e hai vontade de resistir.
A mesa informativa en Bande permanecerá aberta entre as 11 e as 14 horas deste domingo e, ademais de folletos informativos, STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA recollerá alegacións contra o proxecto P.E. San Martiño para rexistrar no Concello de Baltar a vindeira semana.
A plataforma pretende chamar a atención da veciñanza destas comarcas sobre os inevitábeis impactos para a saúde (pola proximidade dos aeroxeradores ás casas), para o patrimonio cultural e paisaxístico (debido o gran movemento de terras que arrasaría con bens aínda por catalogar, e á colocación das máquinas en áreas de gran prexuízo visual), o medio natural (polos riscos para a vida de flora e fauna, e mesmo as augas dos ríos) e que non se compensan de maneira ningunha polo exiguo beneficio monetario e mesmo teñen efectos directos sobre a economía das familias coa perda de valor das propiedades (fincas e vivendas) nas proximidades dun destes polígonos en proxecto.
PALESTRA EN OURENSE
O venres 3 de decembro, dous días antes da acción informativa en Bande, membros de STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA participarán na palestra Resistencia fronte á invasión eólica, que se celebrará no centro social A Galleira (praza de San Cosme) en Ourense a partir das 20:00 horas.
Na conferencia tomarán parte tamén Amigas das Árbores de Ourense e Salvemos O Támega-ADEGA Monterrei, colectivos implicados na defensa dos montes ourensáns contra a ameaza eólica, que explicarán as ameazas que pesan sobre diferentes montañas e aldeas da provincia, sinaladamente sobre o Macizo Central.
STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA está en coordinación con estes dous colectivos, así como con Stop Eólicos en Chandrexa de Queixa, Amigos da Terra, MEL (Movemento Ecoloxista da Limia) e o SLG (Sindicato Labrego Galego) na organización da mobilización en Laza prevista para o día 11 de decembro dentro da campaña nacional da Coordinadora Eólicas Así NON.