Guerra legal

Acampa denuncia unha campaña de criminalización das organizacións humanitarias orquestrada por gobernos e administracións para eludiren a súa propia responsabilidade

A Rede critica a hipocrisía dos gobernantes que inculpan ás ONG de crimes inverosímiles na vez de loitar por erradicar en orixe as mafias ou dotar de máis medios ás entidades públicas que se ocupan dos migrantes

Acampa denuncia unha campaña de criminalización das organizacións humanitarias orquestrada por gobernos e administracións para eludiren a súa propia responsabilidade
Bomberos-sevillanos-ProemAid-Lesbos-rescatando_EDIIMA20170104_0106_19
Bomberos-sevillanos-ProemAid-Lesbos-rescatando_EDIIMA20170104_0106_19

A Coruña, 26 de novembro de 2018.- A terxiversación informativa oficial, que criminaliza a inmigración e as accións humanitarias, só pretende a insensibilidade social fronte ao fenómeno das migracións, unha insensibilidade que corre parella ao exponencial incremento do número de persoas indocumentadas que arriban ás costas españolas na procura dunha vida mellor ou, simplemente, para salvaren a vida. Un 258% máis que en 2017, segundo os cálculos oficiais do Goberno español. Ao redor de 60.000 migrantes, en cifras redondas. Sesenta mil afortunados e afortunadas que conseguiron chegar á Península ou ás Canarias e non quedaron polo camiño, afogados en alta mar ou ben a catro brazadas do areal. Grazas, en boa medida, a organizacións como, entre outras, Open Arms, Médicos sen Fronteiras ou Camiñando Fronteiras, que se ocupan voluntaria e desinteresadamente non só de rescatar os migrantes do mar, senón, sempre que lles é posible, de trasladalos a terra. E aí está o problema.

Esas ONG de axuda humanitaria, tan recoñecidas como respectadas, teñen abertas varias causas xudiciais en Italia e tamén Marrocos por nada menos que “tráfico de persoas”. O último episodio, igual de vergoñento, é a acusación feita polo goberno italiano contra o barco de rescate Aquarius por verter contaminantes ao océano. Tal e como sinalaba Médicos sen Fronteiras, “un novo ataque instrumental para bloquear a acción salvavidas no mar”. Xa é un lugar común: achacárenlles ás organizacións de salvamento supostos crimes, tan delirantes canto absurdos, coma unha cortina de fume tras a que disimular non só a propia responsabilidade de gobernos e administracións, senón a súa inacción.

“Os gobernos de quenda”, sinala o equipo de coordinación do movemento Acampa, “no canto de procurar erradicar as mafias en orixe cortándolles os beneficios, ou enfrontar o problema e buscaren solucións globais, batallan contra as organizacións que xogan a vida e de paso, as subvencións e/ou contribucións particulares, en tarefas de rescate que ningunha Administración emprende ou semella querer emprender”.

Os expertos coinciden en que, a estas alturas do século XXI, as migracións cara a Europa son algo inevitable debido a factores como á globalización, as diferentes taxas demográficas duns e os outros continentes, e a brecha que hai entre as rendas per capita da UE e, por exemplo, a África subsahariana. Semellaría, pois, que, o labor de sensibilización social fronte ao fenómeno migratorio fose máis necesario ca nunca. Perentorio. Mais non tal. “É como se a cidadanía estivese vacinada diante de tanto drama cotiá, afeita á traxedia, e daquela, xa fose case que indiferente, como se tanto lle dese, de aí talvez que cada vez esixa menos dos seus dirixentes”, remata Acampa. Só que, pechemos ou non os ollos ao problema, vai seguir de diante nosa, mesmo enriba da mesa das administracións, nacionais ou supranacionais, polo de agora ben pouco propensas a recoñecer o Dereito a Refuxio deses milleiros de persoas que si acadaron chegar ás nosas costas con vida.

Acampa denuncia unha campaña de criminalización das organizacións humanitarias orquestrada por gobernos e administracións para eludiren a súa propia responsabilidade