Acampa pola paz e o dereito a refuxio
“Caminando Fronteras” e “Ecodesarrollo Gaia” recibirán o Recoñecemento Acampa
A Coruña, 21 de marzo de 2022.- Xa temos resultados. Na súa segunda edición, o Recoñecemento Internacional Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos irá parar, nas súas dúas categorías, internacional e galega, a mans de dúas oenegués sen dúbida referentes. Trátase de “Caminando Fronteras”, a voz que desde fai máis de quince anos consegue que as miles de persoas que migran atravesando o mar ata as costas españolas deixen de ser invisibles e anónimos, e “ Ecodesarrollo Gaia” que desde fai máis de trinta anos estableceu un leito continuo para a migración senegalesa, acollendo e axudando aos miles de senegaleses e senegalesas que chegaron nestas décadas a Coruña e o resto da comunidade galega e promovendo proxectos educativos, sociais e laborais naquel país.
Unha decena de activistas e organizacións de recoñecida traxectoria no ámbito humanitario e a defensa dos dereitos das persoas máis vulnerables conformaron a lista de candidaturas a estes segundos Recoñecementos Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos. Os resultados da votación foron os que seguen: Caminando Fronteras, 27% dos votos, seguida do Pai Julio Lancelotti cun 24,3%, Jineth Bedoya 18,9%, Sultana Jaya 13, 5%, Médicos Sin Fronteras 10,8% e José Palazón, co 5,5% dos votos. Na categoría local, Ecodesarrollo Gaia obtivo o 36,1% dos votos, seguido de Carmen Avendaño, co 22,2%, a oenegué Infancia Solidaria que empatou en resultado coa anterior, co 22,2%, e Laura Bugalho co 19,4% restante.
Será durante o VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, no mes de xuño na Coruña, cando se entreguen ambos os dous recoñecementos, que toman forma nunha peza da escultora Pilar Subías e un título que acredita o aplauso colectivo de todo o Movemento Acampa e a sociedade civil. Con estes recoñecementos, a Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio quere dar visibilidade e poñer en valor ante a opinión pública o labor de entidades e persoas que traballan contra as vulneración de dereitos en calquera parte do mundo e no auxilio das persoas afectadas por calquera tipo de desastre natural ou provocado pola acción humana.
A sexta edición do Encontro Internacional Acampa terá como fío condutor a fame como causa do desprazamento de millóns de persoas á procura de refuxio.