Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Un total de dez candidaturas optan aos Recoñecementos Acampa
A activista española Helena Maleno, a colombiana Jineth Bedoya ou a saharauí Sultana Jaya figuran na lista de candidaturas ao Recoñecemento Internacional e nomes como os de Guillermo Fernández- Obanza (Mito), Carmen Avendaño e Laura Bugalho na categoría local. Médicos Sen Fronteiras, Infancia Solidaria,o fotógrafo e activista José Palazón e o sacerdote brasileiro Júlio Lancellotti completan a listaxe.
A Coruña, 14 febreiro de 2022.- Unha decena de activistas e organizacións de recoñecida traxectoria no ámbito humanitario e a defensa dos dereitos das persoas máis vulnerables conforman a lista de candidaturas aos segundos Recoñecementos Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos, nas súas categorías Internacional e local (Galicia). Entre as candidatas están organizacións como Médicos Sen Fronteiras que acaba de celebrar os seus 50 anos de existencia; Caminando Fronteras, cuxa fundadora e rostro máis visible é Helena Maleno; Infancia Solidaria, e Ecodesarrollo Gaia, organización creada polo coñecido activista coruñés Guillermo Fernández- Obanza (Mito).
Completan a listaxe de candidaturas nomes como o da muller que simboliza a loita social contra o narcotráfico en Galicia, Carmen Avendaño; o da activista saharauí, Sultana Jaya, presidenta da Liga para a Defensa dos Dereitos do seu pobo fronte a ocupación marroquí; o do fotógrafo e activista José Palazón ( PRODEIN), adalid dos dereitos dos menores migrantes non acompañados en Melilla; a xornalista colombiana Jineth Bedoya, centrada na loita contra a violencia sexual e o seu uso como arma nos conflitos armados e o sacerdote dos “sen teito” da cidade brasileira de Sao Paulo, Júlio Lancellotti, que leva décadas loitando contra a desigualdade social no seu país.
Con estes recoñecementos, a Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio quere dar visibilidade e poñer en valor diante a opinión pública o labor de entidades e persoas que traballan contra as vulneración de dereitos en calquera parte do mundo e no auxilio das personas afectadas por calquer tipo de desastre natural ou froito da acción humana. As persoas acreditadas como asociadas a unha das organizacións Acampa e todas As organizacións da Rede, así coma calquera particular ou organización con tan so rexistrarse, poderán votar pola súa candidatura favorita entre os días 15 de febreiro e 15 de marzo, a través da web redeacampa.org. As elixidas para cada unha das dúas categorías recibirán o seu Recoñecemento, unha peza escultórica obra da artista Pilar Subías, durante o desenvolvemento da VI edición do Encontro Internacional Acampa pola Paz, na Coruña, que nesta ocasión terá como fío condutor “Fame e Refuxio” e desenvolverase, probablemente, no mes de xuño.
Caminando Fronteras, fundado pola xornalista e investigadora Helena Maleno é unha organización non gobernamental que leva máis de 16 anos traballando na defensa dos dereitos das persoas migrantes. É unha das ONG que documenta a vulneración de dereitos humanos a ambos os dous lados da fronteira sur española. A tamén xornalista e escritora colombiana, Jineth Bedoya, foi secuestrada, torturada e violada por paramilitares no ano 2000 e leva desde entón loitando pola visibilización e castigo da violencia sexual e o seu uso como arma, a través do movemento “No es hora de callar”. Bedoya conseguiu recentemente unha condena histórica da Corte Interamericana de Dereitos Humanos ao Estado Colombiano polo que lle sucedeu hai dúas décadas.
O fotógrafo e activista José Palazón é o fundador da ONG Asociación pro Derechos de la Infancia ( PRODEIM), centrada especialmente na axuda a menores migrantes non acompañados e tamén a mulleres maltratadas na cidade de Melilla.
A ONG Médicos Sin Fronteras presta atención médico-humanitaria a persoas afectadas por guerras, violencia, epidemias e desastres naturais. Socorreu e salvou a vida a millóns de persoas en todos os recunchos do planeta. Acaba de cumprirse, en decembro de 2021, o 50 aniversario da súa creación.
Júlio Lancellotti é un sacerdote, alcumado no seu país, Brasil, o pai das persoas “sen teito”. Desde a súa parroquia na populosa cidade de Sao Paulo e percorrendo as súas rúas socorre e defende desde hai anos os dereitos das persoas máis vulnerables, o que lle ten granxeado incontables ameazas de morte e non menos reproches da xerarquía católica.
Sultana Jaya é a presidenta da Liga Saharauí para a Defensa dos Dereitos e Contra o Espolio dos Recursos Naturais do seu pobo. Leva máis dun ano en arresto domiciliario, ordenado polas autoridades marroquís, e é vítima dun constante acoso e brutais ataques, que inclúen desde malleiras a violacións, tanto a ela como aos membros da súa familia.
Carmen Avendaño foi a abandeirada nos anos oitenta da loita das nais galegas contra o narcotráfico que campaba ás súas anchas na Comunidade Autónoma e os estragos que este estaba a causar entre os seus fillos. Unha labor á que aínda segue ligada, 40 anos despois, a través da asociación por ela impulsada, Érguete, con sede en Vigo, que presta atención a persoas afectadas por condutas adictivas e ás súas familias.
A ONG Ecodesarrollo Gaia, fundada en 1998 polo activista coruñés Guillermo Fernández Obanza, Mito, centra o seu traballo fundamentalmente na migración senegalesa en Galicia e en proxectos de desenvolvemento e educación nese país africano como a creación dunha escola para mozas adolescentes que non saben ler ou unha cooperativa de mulleres saladoras de peixe.
Infancia Solidaria é unha ONG española de axuda a nenos e nenas. “Sana sana” é un dos seus programas máis coñecidos. A través del prestan atención cirúrxica a menores de países en desenvolvemento que necesitan unha operación que non pode ser realizada no seu país de orixe.
Laura Bugalho, é unha das máis coñecidas activistas galegas que traballa na defensa dos dereitos das persoas do colectivo LGTBI. Leva anos tamén traballando na defensa dos dereitos das persoas migrantes en Galicia, unha dedicación que lle custou mesmo unha condena xudicial.