Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Convocatoria fotográfica de Acampa Coruña
A Coruña, 18 de xaneiro de 2020.- Comeza a conta atrás para a celebración da cuarta edición de Acampa pola paz e o dereito a refuxio que, unha vez máis, no mes de xuño, converterá o centro da cidade da Coruña nun espazo de denuncia da situación das persoas refuxiadas e migrantes e as causas que as empuxan a fuxir dos seus fogares e dos seus países. A organización acaba de poñer en marcha o proceso de selección das exposicións fotográficas sobre o tema que centrará as actividades este ano 2020: o espolio de recursos económicos no planeta e as consecuencias sobre as poboacións locais, que en tantas ocasións vense abocadas á pobreza extrema, o traballo escravo e o desprazamento forzoso. Ata o próximo sete de febreiro, todos os fotógrafos interesados en participar poderán presentar as súas propostas. A premisa fundamental é que os traballos documenten o tema da edición. As bases poden consultarse na web da Rede Acampa, a través desta ligazón: https://coruna.redeacampa.org/…/exposiciones_acampa_2020.pdf
As exposicións fotográficas son un dos principais elementos de Acampa para mostrar a realidade das persoas desprazadas e as causas que as empuxan a iso. En cada unha das súas tres edicións, a iniciativa Acampa contou co traballo e a presenza de destacados referentes do fotoperiodismo e profesionais da fotografía humanitaria, que convidados a este encontro explicaron ao público asistente as realidades que documentan en diversos puntos do planeta. Protagonistas de visitas guiadas polas súas exposicións, analizan non só o que as imaxes plasman senón que revelan o contexto, o porqué de cada fotografía. As mostras, xa un referente cultural na cidade, exhíbense durante mes e medio nas dúas principais salas municipais, o Kiosco Alfonso e Salvador de Madariaga, ademais de tomar a rúa, o epicentro urbano, cunha delas instalada ao longo do Cantón Grande ou nos Xardíns.
Crise de refuxiados sirios, cambio climático, mulleres refuxiadas e espolio
En só tres edicións, Acampa converteuse nunha cita imprescindible que converte a Coruña nunha das urbes máis empáticas coa problemática das persoas refuxiadas e migrantes que foxen da pobreza, as guerras, a violencia ou as cada vez máis frecuentes catástrofes naturais producidas pola crise climática. En cada edición, Acampa pola paz e o dereito a refuxio pon o foco nun aspecto concreto. En 2017, a primeira, foi a crise dos refuxiados de guerra, achegándonos ao drama sirio; en 2018 centrouse nas migracións derivadas do cambio climático e en 2019 apuntou ao drama específico das mulleres refuxiadas, sempre, xunto cos nenos, as máis vulnerables dos vulnerables. Este ano 2020, o espolio económico que está detrás de moitos dos desprazamentos forzosos de persoas en todo o mundo centrará o programa (conferencias, debates, exposicións, proxeccións…) A cuarta edición celebrarase, previsiblemente, entre os días 11 e 13 de xuño e, como cada ano, articularase ao redor do que xa é o seu emblema principal: un simbólico campo de persoas refuxiadas nos Xardíns.
A rede Acampa é unha iniciativa sen fins de lucro que naceu en 2016 na Coruña co obxectivo de defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte máis de sesenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país. Unha gran maioría desas organizacións son ONG que traballan in situ coas persoas refuxiadas en todo o mundo, desde Open Arms, Save the Children ou Médicos Sen Fronteiras ata Amnistía Internacional, Oxfam Intermon e Greenpeace. Con vocación universal e en só catro anos, o movemento conseguiu replicarse. Está a xestarse en Lisboa, e en poucos meses celebrarase a primeira edición de Acampa en Brasil.