VII Semana de Loita contra as Fronteiras (10-14 DE DECEMBRO)
Lei de Extranxeiría: exclusión e violencia
Desta volta visiblizaremos as vulneracións de dereitos que esta normativa conleva, xerando barreiras, exclusións e violencias sobre as vidas das persoas migrantes. Atentando polo tanto contra súa dignidade e lexitimando a exclusión,a explotación e a violencia como mecanismos de control.
Da mán de Julia Castillo Condori e Warmi Kusisita ofereceremos unha ollada á Lei de Estranxeiría desde as loitas contra o patriarcado, o racismo e o colonialismo. A nosa convidada é muller aymara, integrante do Movimiento Migrante- Comunidad Feminista Antirracista e da Escuelita Antirracista y Antipatriarcal (Valencia).
O programa componse de actividades en Compostela, Vigo e A Coruña dirixidas a abordar as exclusións e violencias exercidas sobre as mulleres e persoas migrantes e as loitas e resistencias antipatriarcais e antirracistas que se están articulando no Estado Español. Julia Castillo e Warmi Kusisita tamén nos convidan a repensar as prácticas feministas desde o vivir ben, a memoria e a comunidade, para construír un feminismo emancipatorio para as mulleres e os pobos.
A programación completa é a seguinte:
- MARTES 10 COMPOSTELA. Concentración ás 20hs na Praza do Toural.
- MÉRCORES 11 VIGO: Palestra “Racismo social e institucional: loita contra o patriarcado e o colonialismo” ás 20hs no CS Cova dos Ratos (R/ Romil, 3).
- XOVES 12 COMPOSTELA:
- 16:30-18:30hs. Obradoiro “Autodefensa emocional antirracista para persoas racializadas e/ou migrantes". O Bisbello Bar-Cultural. R/ Caldereiría n.º 26
- 20hs Palestra “Racismo social e institucional: loita contra o patriarcado e o colonialismo” na Casa do Matadoiro (Pza do Matadoiro, s/n).
- VENRES 13 CORUÑA:
- 10:00-14:00hs Participación cun faladoiro nas Xornadas Asociacionismo e Mulleres organizada pola Fundación Juan Soñador / Programa Teranga. Información: [email protected]
- 20hs Palestra “Racismo social e institucional: loitas contra o patriarcado e o colonialismo” na Casa Museu Casares-Quiroga (R/ Panadeiras, 12)
- SÁBADO 14 COMPOSTELA: Casa do Matadoiro (Pza do Matadoiro, s/n)
- 17:00-19:30hs Obradoiro “Sanación política a través da escrita, a comunidade e a memoria longa”. Para mulleres diversas e persoas non binárias.
- 20hs Chocolatada antifronteiras e antirracista. Espazo mixto/ diverso.
Toda a información https://contraasfronteiras.wordpress.com/
As exclusións de dereitos e violencias contra a poboación migrante máis importantes son:
1.- A Exclusión do dereito ao traballo e a explotación laboral: a imposibilidade práctica de acceder a un traballo en condicións legais, para o colectivo de persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa. Salientamos aquí dun xeito especial a situación de exclusión das empregadas de fogar, que mesmo teñen unha normativa que impide o exercicio de dereitos básicos.
2.- A Exclusión do dereito ao acceso a dereitos e prestacións sociais básicas: nomedadamente a RISGA, a pesares das posibilidades legais de que a nosa Comunidade Autónoma recoñecera este acceso en condicións de igualdade para todas as persoas migrantes residentes.
3.-A persecución policial e o tratamento como delicuentes das persoas migrantes. Unha violencia cotián que aparece en situacións como: as identificacións por perfil étnico; a apertura de ordes de expulsións pola realización das entrevistas preceptivas para matrinonios ou parellas de feito; a persecución nos propios domicilios ás persoas que tentan arranxar a súa situación administrativa e non o conseguen.
4.- O exercicio do dereito á saúde: Recentemente a Rede Galega en Defensa da Sáude, da que forma parte este Foro, puxo de manifesto as seguintes carencias e vulneracións:
- Está a negarse a cobertura a menores os tres primeiros meses de estancia, o que conleva en moitos casos ruptura do calendario vacinal; esa cobertura séguese denegando en casos de patoloxías crónicas.
- Nos casos de atención de urxencias, non se lles ofrece o formulario de medidas especiais,
- Séguese a dar a Alta Hospitalaria e confundíndoa coa Alta médica. Dáse a Alta Hospitalaria sen derivación para tratamento e posterior seguimento por una médica de familia (xa que non teñen médica de familia)
- Cada vez atopámonos con máis casos de facturación en atención a menores, embarazadas e atención de urxencia.
5.- O aumento de actuacións e actitudes racistas: por parte das administracións públicas coa implementación de requisitos imposibles de cumprir para acceder a axudas e prestacións sociais, pero tamén para acceso a servizos públicos ou privados básicos. Nestes casos as administracións públicas competentes non actuan de forma efectiva. Así, recollemos, algunhas cuestións concretas que suceden en Galicia: Servizos Bancarios, Acceso á vivenda, Escolas oficiais de idiomas, tarxetas de bonificacións e descontos.
6.- A situación das persoas menores estranxeiras non acompañadas: É especialmente grave, por ser obriga legal, a non tramitación dos permisos (pasados os primeiros 9 meses) estando baixo tutela administrativa. e, noutro ámbito, as trabas que a Federación Galega de Fútbol, por exemplo, pon para federar a menores en situación de irregularidade administrativa e incluso a menores adoptadas con nacionalidade española.
7.- A situación das persoas solicitantes de protección internacional e/ou asilo, cun lentísimo procedemento de tramitación que fai que no caso concreto da Provincia de A Coruña están neste momento a darse citas para comezar o proceso para o ano 2021.
8- A situación das persoas familiares de residentes comunitarias: ás que non se lles expide a tarxeta de familiar de persoa comunitaria, á que teñen dereito, mentres non demostren os seus familiares que teñen medios económico suficientes..
9.- No acceso á nacionalidade española: a propia normativa obriga a concedela para as persoas que cumpren os requistos nun prazo máximo dun ano, e na actualidade demoran tres ou máis anos
10.- A carencia xeralizada de recursos das administracións públicas para este colectivo e a propia carencia de políticas públicas. Normalmente as actuacións adoitan incluírse como un péqueno apéndice das políticas e actuacións dirixidas aos colectivos en situación de pobreza e exclusión social, o que tamén explícita moi ben a visión que as administracións teñen deste colectivo.