Os municipios "trazarán unha estratexia para aumentar a incidencia política dos concellos na cuestión do acollemento"
A Coruña organizará no mes de decembro o vindeiro encontro de Cidades Refuxio
As cidades refuxio de todo o Estado denuncian no Congreso dos Deputados que o goberno central non acolleu ao número de solicitantes de asilo ao que se comprometera e lamentan “a opacidade” en canto á xestión dos fondos europeos destinados á acollida e integración de persoas inmigrantes
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, participou esta mañá, xunto a representantes doutros 16 municipios de todo o Estado declarados 'Cidades Refuxio', nun encontro no Congreso de Deputados coincidindo co cumprimento no día de hoxe, 26 de setembro, da data límite do compromiso subscrito polo goberno central de acoller a máis de 17.000 persoas que buscan refuxio e que se atopan en Grecia e Italia, e nos campos de reasentamento de Libia, Turquía e Xordania. O obxectivo da cita foi denunciar que, a pesares deste compromiso, o executivo central acolleu, neste prazo de tempo, menos de 2.000 persoas. Ao encontro asistiron, ademais da concelleira en representación do goberno coruñés, membros dos executivos locais das cidades de Barcelona, Badalona, Cádiz, Córdoba, Girona, Granada, Las Palmas de Gran Canaria, Madrid, Palma de Mallorca, Santa Coloma de Gramenet, Sabadell, Sant Boi de Llobregat, El Prat de Llobregat, Tarragona, Valencia e Zaragoza, que foron recibidos por representantes políticos de diversos grupos parlamentarios. Os municipios quixeron denunciar, por unha banda, "a falta de sensibilidade do Estado ante a grave crise humanitaria", agravada desde 2015 para a guerra de Siria e, por outro, "a falta de axuda que recibiron os concellos á hora de atender ás persoas refuxiadas que se atopan nas cidades, onde moitas delas chegan pola súa conta". As e os membros dos consistorios locais puxeron en común os problemas que teñen para atender de forma axeitada, "e unicamente con recursos municipais", ás persoas que buscan refuxio "e que non están a ser atendidas polo plan estatal de acollida".
A este respecto, a concelleira de Igualdade puxo de manifesto durante a súa intervención que o goberno coruñés xa acolleu, a través de entidades e en diversas fases, a 190 persoas nos últimos dous anos. "Nela, tamén confirmou que A Coruña acollerá o próximo 1 de decembro o novo encontro entre municipios declarados Cidades Refuxio, "nun novo paso do compromiso deste goberno por acadar unha solución política onde o executivo central segue sen ofrecer resposta". As xornadas, tal e como avanza a edil, conxugarán mesas técnicas, unha diagnose a fondo da situación das persoas que buscan asilo, mapas de refuxio e unha análise pormenorizada dos impactos que o programa estatal de acollida ten na cidade. "Será un espazo para compartir boas prácticas entre esta malla de localidades solidarias e que si queremos acoller ás persoas que solicitan asilo", explicou Fraga, "e no que trataremos de buscar unha estratexia para aumentar a incidencia política dos municipios tanto a nivel estatal como de cara á Unión Europea".
As e os representantes municipais coincidiron en denunciar tamén a falta de transparencia da xestión dos fondos europeos que o Estado español recibe para a integración de inmigrantes e refuxiadas, "pero que si se empregan para vixiar fronteiras e facer políticas de expulsión". Tamén incidiron na falta de información, por parte do goberno estatal, sobre cal é a cifra de persoas solicitantes de asilo que chegan ás cidades; a grave carencia de pisos para aloxar a estas persoas nalgunhas cidades afectadas por procesos de xentrificación --como Barcelona ou Palma de Mallorca--, ou o grande esforzo de coordinación que deben facer os concellos coas entidades de atención a persoas refuxiadas para poder traballar. Moitos destes entes locais puxeron en marcha diferentes programas alternativos ao plan de acollida estatal nas súas cidades para atender a aquelas persoas refuxiadas que quedaron fóra da cobertura do Estado.
Na Coruña, a través da Unidade de Atención a Persoas Migrantes (UAMI), o goberno local "está a traballar nun programa de apoio complementario ás persoas solicitantes de asilo e refuxio, con vistas a mellorar a autonomía e a inclusión social daquelas persoas en situación de especial vulnerabilidade", explicou Fraga, quen avanzou que nos vindeiros meses se reforzará o equipo da UAMI "con outro posto na asesoría xurídica, persoal técnico de apoio social e o apoio, ademais dun perfil de auxiliar administrativa". "Desde a Concellería tamén estamos a explorar outras vías posibles para abordar a problemática da vivenda a través de colaboración entre entidades que forman parte do programa e outros axentes locais", incidiu.
Tras escoitar ás cidades, na súa quenda de palabra, as e os representantes dos grupos políticos con presenza no Congreso de Deputados subliñaron que, neste ámbito, o Estado se desentendeu do seu compromiso coas persoas que buscaban asilo e, ao mesmo tempo, foi un impedimento para que outros administracións puidesen facelo cos recursos necesarios.