Acampa pola paz e o dereito a refuxio

A Rede Acampa insiste na necesidade de abordar a chegada de miles de migrantes a Ceuta sen que se pisen os dereitos humanos destas persoas vulnerables

A cidade autónoma é a porta de Europa. Por iso a solución a esta crise creada polo reino de Marrocos como resposta á atención sanitaria que España está a prestar ao responsable da Fronte Polisario non pode ser só responsabilidade do goberno español.  
A Rede Acampa insiste na necesidade de abordar a chegada de miles de migrantes a Ceuta sen que se pisen os dereitos humanos destas persoas vulnerables
Acampa_2018_56
Acampa_2018_56

A Coruña, 19 de maio de 2021.- Dereitos Humanos e Dereito Humanitario. Ese é o marco. A chegada masiva de migrantes promovida polo reino de Marrocos como expresión da súa rabecha porque España estea a prestar atención hospitalaria ao responsable da Fronte Polisario non pode ser abordada fóra dese marco, insiste Acampa pola Paz e o  Dereito a  Refuxio. A preocupación da rede é máxima tras ver como nestas últimas horas procedíase á “devolución en quente” de centos de persoas, moitos deles menores, sen facer ningunha xestión de filiación para pescudar se tiñan dereito a ser acollidos e protexidos. As expulsións en quente non están permitidas por lei e debe individualizarse calquera tipo de medida. Así o estableceu o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos o 13 de febreiro do pasado ano. 

Esta vergoñosa xornada de “portas abertas” do reino alauita, na que usa ás persoas coma se fosen balas nunha pequena liorta fronteiriza, non pode resolverse cun portazo sen máis por parte das autoridades españolas. A linguaxe co que se relatan os acontecementos despersonaliza aos seres humanos protagonistas. O exército desprégase- como en calquera conflito entre soberanías- e exhibe material antidisturbios. A diplomacia comeza o seu delicado baile, e os organismos nacionais e supranacionais comunican oficialmente as súas posturas. Todo iso é necesario pero non suficiente. En Ceuta vívese unha crise humanitaria e eses miles de seres humanos foxen da fame, dos malos tratos, da falta de dereitos, da persecución. Por iso han ser protexidos. O Dereito Internacional asístelles.  

Acampa pola Paz lembra, ademais, a responsabilidade internacional no que estes días acontece e a permisividade que España, Europa e o resto do mundo tiveron e teñen con Marrocos. Nada é de balde. O conflito sobre o Sahara Occidental leva máis de catro décadas sen resolver, tempo en que a presión de Marrocos e os intereses empresariais deste e outros moitos países sobre os recursos desa rica área someteu e abandonou á súa sorte ao pobo saharauí en inhabitables campos de refuxiados. Mentres o valo ao lado español suavizaba a súa estética eliminando as concertinas pola presión social, España financiaba a instalación desas coitelas ao lado marroquí, crendo así, inxenuamente, avanzar nos medios de contención. A tensión pola atención do lider da Fronte Polisario teríase que haber resolto por vía diplomática. Pero o rei de Marrocos tiña unha arma moito máis eficaz e rápida, abrir a porta e esperar que España e Europa, unha vez máis, se sometan aos seus plantexamentos.  

Como na realidade canaria dos últimos meses, desde o movemento Acampa insistimos en que a actualidade ceutí esixe que toda Europa asuma responsablemente a atención e protección desas persoas. España é, como Ceuta, unha porta, a súa porta. Os menores, asistidos polas leis internacionais de protección, deben ser distribuídos e atendidos nunha repartición xusta que non faga estalar o sistema de protección dun só país, neste caso España, e non debe ser alimentada aínda máis a xenofobia, sempre famenta. Europa debe esixir, ademais, que EEUU desande os pasos que Trump deu in extremis recoñecendo a soberanía de Marrocos sobre o Sahara a poucos días de perder as eleccións fronte a  Biden. E debe convocarse o  referendum sobre o Sahara. Mentres todo iso ocorre, a atención ás persoas vulnerables ten que estar na cabeza de calquera actuación. 

A Rede Acampa insiste na necesidade de abordar a chegada de miles de migrantes a Ceuta sen que se pisen os dereitos humanos destas persoas vulnerables