Agra do Orzán
A Asociación Veciñal da Agra denuncia o servizo de correos deficiente no barrio da Agra do Orzán
A Coruña, 3 de setembro 2019.- A Asociación Veciñal da Agra denuncia o deterioro no servizo de correos, que nos últimos meses levou a que existan atrasos importantes no reparto, por non ter o persoal suficiente a Unidade 3, que se encarga do reparto na Agra do Orzán, Ventorrillo, Os Rosais e Visma.
Así mesmo, desde a AV da Agra seguimos demandando que Correos abra para atención ao público a Oficina da rúa Entrepenas e así poder rebaixar a saturación que sofre a oficina da rúa Rodrigo A. de Santiago, 38, que actualmente da servizo a toda a Agra do Orzán e o Ventorrillo.
"A oficina do Ventorrillo está saturadísima, pois Correos nos últimos anos asumiu novos servizos moi demandados polas veciñas e veciños do barrio, polo que vemos necesario a reapertura da oficina da rúa Entrepenas para que poidamos ter un servizo digno", di a presidenta da entidade veciñal, María Gutiérrez.
Por esta razón reclamamos que o Concello da Coruña tome cartas no asunto e presione a dirección de Correos de que mellore o servizo nesta zona tan densamente poboada da cidade.