Agra do Orzán
Cando poderá reunirse a concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade coa AV Agra?
A AV da Agra aínda non recibiu contestación da Concellaría de Medio Ambiente, un mes despois de solicitar unha entrevista.
A presidenta da entidade veciñal, María Gutiérrez Calvete, solicitou unha reunión coa responsábel de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, o pasado 6 de agosto, para trasladarlle a preocupación das veciñas e veciños da Agra pola falta de limpeza e a necesidade de tomar medidas para controlar as colonias de pombas e gaivotas no barrio
A Coruña, 13 de setembro. A presidenta da Asociación Veciñal da Agra, María Gutiérrez Calvete, solicitou, o pasado 6 de agosto, unha reunión coa Concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, para trasladarlle a preocupación das veciñas e veciños da Agra coa falta de limpeza que sufre o barrio.
"A día de hoxe aínda non tivemos resposta, nin para dicir que non nos pode atender" di a presidenta da AV da Agra. María Gutiérrez engade "Estamos moi sorprendidas do silencio municipal diante dun problema grave.”
Un dos problemas é a falta de control das colonias de pombas e gaivotas, pola suciedade que xeran, e que xa son un problema grave para moitas comunidades veciñais. A falta de colectores de lixo en moitas rúas, fai que estes estean abertos a maior parte do día, algo que facilita que as gaivotas rompan as bolsas de lixo, en busca de comida, e deiten o lixo por toda a rúa.
“O aumento das colonias de pombas e gaivotas, sumado a falta de limpeza de moitas rúas do barrio, xera moitísimas protestas por parte da veciñanza, ao que o Concello ten que dar resposta” di a presidenta da Asociación Veciñal da Agra.
O Concello da Coruña debe acometer unha mellora substancial da limpeza diaria do barrio, polo que a AV da Agra esperan non ter que seguir agardando a ser escoitada.