Activistas | 8 de marzo
"A sociedade estivo acostumada á violencia de xénero e agora empeza a sentirse incómoda"
ENTREVISTA | Marisol Mirás, secretaria da Asociación Vecinal da Agra do Orzán
-En que consiste a campaña LilAgra?
-Un dos diversos obxectivos que procura a Asociación Veciñal Agra é a equidade de xénero, que só pode alcanzarse co feminismo, que é necesariamente transversal e debe manifestarse en todo canto fagamos, dende o emprego dunha linguaxe inclusiva ás mobilizacións contra as violencias machistas. A igualdade é unha conquista pendente e urxente (vainos a vida!).
Precisamos educación en igualdade. As crianzas e a mocidade deberían recibila nas súas casas e nos centros de ensino. As persoas maiores debemos reeducarnos. Con LilAgra procuraremos espazos para actuar e debatermos en chave feminista sobre acontecementos, libros, filmes, música, publicidade etc. para recoñecer o machismo normalizado, aquel que temos asumido inconscientemente, precisamente para tomar conciencia e combatelo.
-Por que o calendario e os panos?
LilAgra presentouse cun calendario para lembrarnos que é unha tarefa de todos os días. E cuns panos de mesa repartidos polos bares cunha referencia á pirámide de violencia machista, da que formaremos parte cada vez que consintamos unha forma de violencia sutil ou máis evidente, porque non debemos tolerar o machismo nunca, nin no traballo nin no lecer.
-Que actividades desenvolvestes até hoxe?
En febreiro organizamos un faladoiro coa colaboración de Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, que fixeron unha lectura dramatizada do último capítulo de “Casa de bonecas” (de H. Ibsen), e Pilar García Negro que nos falou da problemática da muller como tema estrela na literatura do s. XIX. Foi unha gozada escoitalas, mais foron tantas as cuestións que suscitaron, que ficamos pendentes de futuros encontros para continuar co debate. Tanto a obra de Ibsen como o relatorio de Pilar mencionaron múltiples dificultades que tiveron que superar as mulleres para conseguir asinar obras ou documentos co seu nome propio; aínda en 1977 lexisladores e xuristas polemizaban sobre a capacidade da muller casada para mercar unha lavadora ou bens inmobles; grazas ao feminismo a lei actual permite que unha muller acceda á escola, á universidade, ás eleccións, a un caixeiro etc. Foron dereitos conquistados que nun contexto reaccionario como o actual poden chegar a perigar. Poñamos por caso: a infanta Cristina de Borbón ficou libre de toda responsabilidade da propia sinatura nos documentos que a incriminaban… alén doutras consideracións, tanto a defensa como o xuíz se atreven a utilizar o prexuízo da incapacidade femenina para os negocios; os prexuízos operan así, contra toda evidencia e só poderemos comezar a superar prexuízos e estereotipos cando os recoñezamos. Quen queira avanzar cara á equidade debe esforzarse en coñecer as pedras que dificultan ese camiño.
-Parece que a sociedade se está acostumando á violencia de xénero; que habería que facer para eliminala?
A sociedade comeza a horrorizarse do número de mulleres asasinadas polo feito de seren mulleres, e iso que as estatísticas só contabilizan as que morren no mesmo día da agresión! Eu diría que a sociedade estivo acostumada á violencia de xénero e agora empeza a sentirse incómoda con ela. Se agora escoitamos con certa frecuencia que hai casos de violencia de xénero, é porque o feminismo divulga os conceptos de xénero, violencia de xénero e moitos máis, para nomear (porque o que non se nomea non existe) e visibilizar as causas desta violencia. Sen perspectiva feminista, percibimos como normais ou aceptables cousas que non o son.
-Logo, imos avanzando...
-En 1991 a TVE1 pagou (con cartos públicos) un programa especial de fin de ano en que dous humoristas se burlaban dunha muller maltratada e o público escachaba coa risa. Quero crer que hoxe en día ninguén se atrevería a facelo, precisamente porque o público non o toleraría, mesmo quen naquel tempo chegou rir co numeriño ou un daqueles humoristas, que xa se ten desculpado por telo argallado. Así que non hai que desfalecer: as cousas van mudando (se cadra, paseniño de máis!). Moitos xornais publican titulares, cando menos, absurdos, do tipo “Aparece unha muller morta” malia que no mesmo artigo “informen” de que a vítima recibira doce puñaladas, algunha indiscutiblemente mortal. Quen redacta un titular así dubida de que a muller foi asasinada? Pode crer que a muller caera doce veces sobre o puñal? Hai quen teima en presentar estes asasinatos como sucesos illados e froito dunha inexplicable fatalidade sen solución posible. Mais, vaise falando algo de violencia de xénero e resulta evidente que os escasos instrumentos habilitados non funcionan nin van mellorar se non o esiximos. Nas últimas eleccións á presidencia do estado español, os catro cabeza de lista que recibiron o favor de participar en debate televisado non dedicaron un segundo ao tema do feminicidio mais recibiron moitos votos; vendido o peixe… para que van esforzarse nesta cuestión cando chega a hora de lexislar ou aprobar os orzamentos? A quen lle preocupa que o programa informático de valoración de riscos rexeita o 40% das solicitudes de protección, ou que as pulseiras de afastamento só se autorizaron no 2,4% das ordes de protección, ou que a Xunta aínda non abriu a liña de axudas ás vítimas de xénero para o exercicio 2017?
-Que debería facer a Administración?
-Aplicar da forma máis eficaz posible os recursos dispoñibles… porén, os recursos están determinados por quen goberna.
-Que debemos facer as personas a nivel individual?
-Un xeito de combater á violencia de xénero é non tolerala. Hai que acusar e acosar o agresor, se non, seguirá sentíndose validado social ou politicamente. Temos que ser coherentes e responsables, tamén o día das eleccións. Por que non tivo custo, sequera electoral, que un cargo político dixera “as leis son como as mulleres, están para violalas”? ou que o presidente da Deputación de Ourense imputado por acoso sexual no exercicio do seu cargo declare que se trata dun asunto de índole persoal? O feminicidio acontece porque hai tolerancia con outras formas de violencia, persoais ou institucionais, máis ou menos evidentes; vivimos na histórica tirapuxa entre quen procura a equidade e quen se resiste a perder privilexios.
-Que poden facer os movementos sociais?
-Visibilizar e denunciar todas as formas de violencia machista. Mentres os gobernos garden silencio (non só nos minutos rituais), temos que berrar por quen deixaron sen voz, por nós e polas que virán.