Zonas verdes
“Co parque do Observatorio, o Concello debe tirar para diante e contará co apoio da veciñanza”
Ricardo Seixo, reelixido presidente da Asociación Veciñal da Agra, pide que se negocie para que no espazo se edifique o mínimo imprescindible.
Despois de que unha sentenza do Tribunal Supremo sinalara que os terreos do antigo convento das Adoratrices quedan excluídos da urbanización e obrigue a adaptar o PXOM no Observatorio, e de que o Concello, a través do concelleiro de Rexeneración Urbana insistise en que haberá un espazo verde no parque, os veciños da Agra urxen ao goberno municipal a actuar para dotar ao barrio dun espazo verde que levan décadas reclamando.
“É necesario tirar para diante co parque do Observatorio, e se o Concello o fai, contará co apoio da veciñanza”, comenta Ricardo Seixo, presidente da Asociación Veciñal da Agra, diante do portalón que pecha polas tardes o acceso ao recinto. Seixo di que se non se pode conseguir “o ideal deses 14.000 metros cadrados, hai que mirar en canto reduce o espazo dispoñible para parque a sentenza sobre as Adoratrices”, e urxe ao Concello. “Teñen que empezar a falar xa cos propietarios e coas administracións afectadas, negociar e tirar para diante, porque entre outras cuestións de aquí a uns anos pode cambiar o goberno e veriamos outra vez frustrado o parque”.
Os veciños, que tamén aplauden que se queira incorporar a planificación do futuro parque o Camiño do Pinar, iniciaron unha campaña de recollida de firmas para que se atenda a demanda do parque –levan unhas mil sinaturas–, e aseguran, por boca de Seixo, que teñen “a perspectiva de que se faga a menor edificación posible, mesmo bastaría con pechar as medianas dos patios de luces que dan cara o parque, a poder ser que a edificación se limite a iso”.
Opinan desde a asociación que o Concello “ten vontade de dotar á Agra cunha zona verde” que os sucesivos gobernos municipais estiveron adiando, e di Seixo que o interese da Marea Atlántica “semella honesto e real”. “En calquera caso, pedimos que nos teñan informados e imos estar enriba do tema”.