“Se non nadamos, non estudamos!”
Alumnas e alumnos do IES da Agra do Orzán volven a manifestarse na Ronda do Outeiro reclamando que a Xunta lle devolva ao colexio o uso gratuíto da piscina da Agra, acordado nun convenio de hai 25 anos e que agora se incumpre en metade dun conflito entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a empresa concesionaria da instalación.
No despacho de Diego Taboada, o director do IES da Agra, un centro con máis de cincocentas alumnas e alumnos de ata dezaseis anos, hai un pequeno megáfono. Diego busca nos arquivos un documento. Son catro follas escritas en 1991, hai máis de vinte e cinco anos, un 6 de setembro… ao comezo daquel curso. O director sinala un parágrafo nos papeis: “Terceira: O uso das instalacións será de absoluta prioriade para o Centro Educativo no horario lectivo”. E despois dirixe a vista cara as fiestras que dan o patio. Vense tellados, unha pista deportiva e outro centro educativo de rapazas e rapaces máis novos, todo separado por muros, instalacións alleas ao Instituto. A piscina e o pavillón do barrio levantáronse a comezos dos noventa despois de que a Consellería de Educación asinara eses papeis coa Secretaría Xeral para o Deporte. Durante 23 anos respectouse o convenio. Hai dous cursos, a Xunta, implicada nunha lea xudicial coa empresa que xestiona as instalacións da piscina e do pavillón, decidiu limitar os dereitos de uso do alumnado a un ciclo formativo de animación deportiva que se imparte no centro. Para o resto de alumnas e alumnos caducaran os privilexios. Por iso o megáfono…
Esta mañá houbo manifestación das alumnas e alumnos, con profesoras e profesores tamén comprometidos na protesta e co director e seu megáfono. No IES da Agra do Orzán se non poden nadar, maniféstanse. E ben cedo, coma se foran á piscina. Ás 8:30 da mañá a Policía Local cortou un dos carrís da Ronda Outeiro en dirección sur. Medio cento de mozas e mozos concentráronse xunto á mediana. Dez minutos despois despregaron dúas faixas. Devolvednos nuestra piscina, ¡ya!, dicía unha; Por un pabellón digno, a outra.
Berta Freire, nai de un alumno dos que ata hai dous anos usaban a piscina nas horas de Educación Física e agora xa non, é a encargada de organizar as marchas de protestas. A semana pasada fixeran o mesmo recorrido: Ronda Outeiro cara arriba desde a rúa Liaño Flores, a do Instituto, ata a rúa Mosteiro de Bergondo e baixando de volta por Mosteiro de Caaveiro.
“Durante 23 años de manera ininterrumpida el alumnado del Instituto del Agra I pudo utilizar de manera gratuita tanto el pabellón deportivo como la piscina, tanto en sus clases de Educación Física como en los cursos de Formación. Una llamada de teléfono a la dirección del centro sirvió para informarles, el día 8 de octubre de 2015, que desde el siguiente lunes los alumnos no podrían hacer uso de la piscina de forma gratuita”, conta nun artigo publicado no dixital coruñahoy a principios do verán o concelleiro do PSOE, Xosé Manuel Dapena. O Grupo Socialista no Parlamento galego, por medio do deputado Díaz Villoslada, foi que formulou a pregunta á secretaria xeral para o Deporte, a ex atleta Marta Míguez. Na súa resposta, o 7 de xullo de 2017, Míguez sinalou que “debido á insistencia e á preocupación da dirección do IES Agra, para que os seus alumnos poidan acudir gratuitamente á piscina, revisamos toda a documentación existente”, e mesmo afirmou que solicitara un informe á Asesoría Xurídica Xeral, “en data 22 de xuño de 2017 (que) xustifica a decisión da FDG de negar o uso en precario e gratuíto da piscina; uso gratuíto, que por outro lado non tiña nin ten amparo xurídico”.
Berta Freire di que a Xunta tería que ter respectado o espírito do convenio. “Se o Instituto cedeu un terreo e ficou cun patio de recreo de dimensións moi reducidas foi porque se lle garantiu o uso da piscina. E aquí, na materia de Educación Física, o primeiro trimestre de cada curso case que se dedica enteiro a aprender a nadar. Non se trata dun privilexio, perdemos unhas cousas para gañar outras”. E así o entende o resto da comunidade educativa do barrio, e tamén as asociacións de veciños, que están apoiando a demanda das alumnas e alumnos do IES. “O convenio di que teremos absoluta prioridade… é certo que non fala de gratuidade, pero daquela os convenios non se redactaban con tanta precisión, seguramente… O feito é que durante 23 anos o alumnado deste centro gozou da piscina e foi así porque había un compromiso”, abunda o director.
A manifestación arranca tímida. Dous policías locais seguen a marcha a pé. Un coche da Policía Local abre a manifestación e outro péchaa. Na cola hai un pequeno atasco de tráfico. As mozas e mozos berran as súas consignas. “¡Ea, ea, ea… el Agra de cabrea!”, “Se non nadamos, non estudamos!”. Camiñan entre vergoñentas e retadores. A educación cívica tamén e isto. A xente pola rúa mira e comprende. Son fillos do seu tempo. Ou pelexas polos teus dereitos ou chos guindan.
Na Xunta téñeno tamén moi claro. Desde o gabinete de prensa da Secretaría Xeral para o Deporte, que depende de Presidencia, reiteran que “a Fundación Deporte Galego, como xa se informou en máis dunha ocasión, non pode permitir o uso gratuíto da piscina por parte dos alumnos do IES Agra do Orzán”. “A principios dos anos noventa”, continúa a resposta escrita, “a Consellería de Educación cedía á Secretaría os terreos dos centros educativos para a construción de instalacións deportivas. En agosto de 2011 a Secretaría asinaba coa Fundación un convenio de colaboración polo que a Fundación se facía cargo da xestión integral, explotación e mantemento destas instalacións deportivas. Neste convenio establécese como obriga da Fundación facilitar o uso preferente dos pavillóns deportivos en horario escolar e período lectivo, aos centros de ensino público anexos ás instalacións e con carencia das mesmas, con carácter gratuíto, compatibilizando o seu uso cos programas desenvolvidos pola Fundación Deporte Galego. É isto o que ocorre na situación actual: desde a Xunta de Galicia concédese o uso gratuíto dos pavillóns e o uso preferente (pero non gratuíto) dos complexos (entre os que se atopa a piscina) para os alumnos dos centros educativos, sempre buscando a mellora do benestar dos usuarios en equilibrio coa rendibilidade das instalacións que deben ser xestionadas e financiadas pola Fundación Deporte Galego”.
Detrás desta negativa da Xunta parece estar a disputa que desde hai anos manteñen nos tribunais a empresa concesionaria, Gaia, e a propia Fundación Deporte Galego. En 2006, o 28 de abril, ambas entidades subscribiran un convenio para un contrato de xestión dos complexos deportivos de Elviña, A Sardiñeira e o Agra. Daquela, a concesionaría era unha UTE formada por Gaia e Movex Vial. O convenio ten vixencia até 2026. En maio do 2015, unha sentenza deu a razón a Gaia na súa demanda contra a Administración para que lle foran abonados os pagamentos polo usos das instalacións que ata entón eran gratuítos. A reclamación ascendía a máis de medio millón de euros. En outubro daquel ano, a Xunta decidiu rematar con eses usos gratuítos para non incrementar a factura. Porén, o conflito coa empresa segue aberto –Gaia non contestou á petición de información para este artigo– e agora a Xunta “está a valorar a posibilidade de iniciar a licitación dunha nova concesión, sempre e cando se liquide o contrato coa UTE con anterioridade”, segundo explicou Marta Míguez. A secretaria xeral fundamentou a súa advertencia polo “incumprimento reiterado de obrigas esenciais por parte da UTE que poñen en grave risco tanto o servizo como inclusive a seguridade dos usuarios das instalacións”.
Mais nada se di de volver a situación anterior de uso gratuíto da piscina por parte do alumnado do IES Agra do Orzán. “Tivemos só unha comunicación informal de que a cousa ía seguir igual”, di Berta Freire, “o último compromiso da Xunta foi que ían acometer o arranxo da cuberta do pavillón que quedou danada no temporal de decembro… deron un prazo que xa se cumpriu e aquí non houbo arranxo, por iso na manifestación de hoxe reclamaremos tamén esas obras necesaria no pavillón”. A esta cuestión a Administración di que si, que “executará nas vindeiras datas as obras de reparación da cuberta e do pavimento do pavillón do complexo deportivo Agra I, danada pola cicloxénese explosiva Ana rexistrada o pasado 10 de decembro. Durante este período de tempo xa se levaron a cabo reparacións menores das zonas danadas do parqué, permitindo así o uso parcial do pavillón”, asegura un portavoz da Secretaría Xeral para o Deporte.
Á hora da manifestación a piscina está case baleira. Este mércores as rapazas e rapaces están na rúa. Hai alumnado nas aulas, claro. Non todos teñen idade ou permiso para saír, protestar e aprender que as inxustizas tamén fan parte da vida e que as vítimas case sempre son os máis débiles, sexan nenas, mulleres ou escolas. A lección hoxe está na rúa.