Economía social

A primeira cooperativa moza do país está na Agra do Orzán

Tres dominicanos asociáronse para montar unha barbaría cun capital inicial de 300 euros grazas aos programas de axuda a menores de 30 anos.

A primeira cooperativa moza do país está na Agra do Orzán
Brian Vittini, Evelyn e Brian Pinal, na Peluquería Nueva Era
Brian Vittini, Evelyn e Brian Pinal na Peluquería Nueva Era.

“Espero aguantar catro anos e vinte anos máis”, di Brian Vittini, un rapaz de 24 anos que chegou hai cinco anos a Coruña coa nai e dúas irmáns. Hoxe ten parella, Evelyn, e teñen un fillo e comparten negocio, unha barbaría e salón de peiteado, a primeira cooperativa moza en Galiza, asociada a Espazocoop e beneficiaría dun programa que axuda a menores de 30 anos a asociarse e arrancar un proxecto empresarial cooperativo.

Evelyn ten 29 anos e criouse en Ferrol onde a súa nai traballaba nun salón de peiteado case desde que chegaran de Santo Domingo hai dezasete anos. A terceira pata da empresa é Brian Pinal, de 20 anos, tamén de Santo Domingo, con cinco anos na Coruña e estudos de barbeiro. “Coñecémonos aquí, os tres”, di Pinal, que ten dous fillos e está mirando se integrar á súa parella na cooperativa. “Evelyn é a máis experta, a que se ocupa das mulleres, o máis difícil; pero os tres sabemos algo disto porque xa atendíamos a amigos en casa”.

Os dous Brian locen trenzas douradas. Son novos e confiados. Eles mesmos se encargaron de rehabilitar o local. O local é un baixo amplo en metade da rúa Entrepenas. O negocio non é o primeira tenda dominicana que se abre no barrio. Vittini traballara colocando pladur en santo Domingo e tamén seu irmán lles botou unha man na reforma. Foi el quen levou a iniciativa. “Estaba no programa de Garantía Xuvenil e fun falar coa asesora. Díxome as posibilidades que había para montar unha empresa, que para os cooperativistas había moitas axudas e pagas menos impostos. Precísanse tres socios, e pensei de inmediato en Brian. Para constituír a empresa só tivemos que pór 300 euros. Foi todo bastante rápido. Levamos desde abril coa tenda aberta, pero inda lle faltan algúns detalles”.

Evelyn

Peluquería Nueva Era, que xa está no Facebook (aquí) e ten unha pantalla de televisión na zona de espera con mandos para xogos, é unha cooperativa de traballo asociado na que as decisións tómanse en asemblea. E xa houbo algunha importante: alugaron o bar que está no local anexo e buscan ampliar a sociedade para levar os dous negocios. Son novos e moi traballadores. As subvencións que recibiron veñen a fondo perdido sempre que a empresa aguante catro anos. “Non imos estar catro, estaremos vinte ou máis”, insiste Vittini, sentado no sofá diante dos mandos, o día antes de que en Compostela se celebre a primeira asemblea da nova gran agrupación de cooperativas do país. Brian Vittini é un dos convidados que esperta máis curiosidade. Estará na asemblea, conta, “en boa parte por agradecemento a Tino [Tino Gago, xerente de Espazocoop], que é o noso mentor”.

As cooperativas precisan de audacia pero tamén de asesoramento, e máis en caso de xente tan moza, inda que con máis recursos sociais dos que cabería esperar –“as nosas familias son unha piña, e agora están axudando a arrancar o bar, estarán até onde sexa preciso, iso sabémolo seguro”, contan–. Os tres socios son conscientes de que foron afortunados por chegar os primeiros. Recibiron subvencións por idade, pola situación laboral (algún deles estaba coa RISGA), pola familiar. “Creo que nos apoiaron ao máximo”, recoñecer Evelyn. E malia que os cartos tardaron en chegar, co aval da subvención concedida  –máis de 40.000 euros– conseguiron un crédito para a reforma do local. Tiveron que pagar máis ao banco pola apertura da liña de crédito (900 euros) que por establecerse como cooperativa. Xa devolveron todo en canto recibiron o diñeiro da UE a través da Xunta.

“Isto marcha vento en popa, paréceme”, di Evelyn nun descanso entre clienta e clienta. Ela fai os traballos de estética. Eles son barbeiros. É un salón unisex. Recolleron clientela daquela que atendían nas casas. Teñen dominicanos e latinos entre a clientela, pero tamén nacionais e mesmo africanos. “Non somos unha barbaría étnica”, advirten. 

Brian Vittini

“Se hai algún inconveniente, sentámonos e falámolo. Os tres”, explica Vittini. Cando decidiron coller o bar pensaron tamén no futuro da muller de Pinal e noutros familiares. Queren que a cooperativa medre. As veces pechan o bar de madrugada, e ao que lle cadra deles dous ten permiso para descansar un pouco máis ao día seguinte. Pechan os martes por descanso (tamén o bar) porque atenden todo o sábado e os domingos pola tarde.

Os tres mozos montaron o negocio como solución de autoemprego, pero son conscientes de que a súa é unha empresa diferente. “Non polo servizo, por suposto. Pero si pola forma de xestionala. É unha responsabilidade. Ás nosas familias pareceulles estupenda está fórmula. Non creo que doutro xeito houberamos tido tanto apoio desde a Administración, e desde logo non teriamos á asociación de cooperativas detrás”.

O sábado pola tarde hai cola nos sofás. “Onte foi igual. Houbo moito traballo e non puiden ir a Compostela”, explica Vittini mentres lle afeita á cabeza a un rapaz. Pinal afánase cun peiteado afro. Evelyn, coas mulleres, que pensan un rato antes de decidir se prestarse para saír nas fotos sen que lle teñan rematado o traballo. A cooperativa está en marcha.


 

A primeira cooperativa moza do país está na Agra do Orzán