Orzamentos participativos
A veciñanza do distrito 9 empeza pedindo melloras en Santa Margarita e máis espazo verde no Ventorrillo
A web dos orzamentos participativos rexistra no distrito 2 unha petición de recuperación do muíño da Agramela e, no 3, demandas de peonalizacións.
Os veciños do distrito 9 vén nos orzamentos participativos, que destinarán 200.000 euros a actuación suxeridas pola cidadanía a través do proceso que se abriu esta semana, unha oportunidade para que se realicen melloras estéticas e de accesibilidade no parque de Santa Margarita. Dúas das sete propostas rexistradas na web municipal nestes primeiros días coinciden en reclamar intervencións no parque. Unha delas, a máis sinxela, propón substituír o peche “muy deteriorado” do parque na rúa Palomares. A outra solicita que se amplíen e melloren os accesos ao recinto, que agora semella “unha fortaleza amurallada” impedindo que os veciños gocen do parque. En concreto, reclama melloras nas beirarrúas e a retirada de barreiras “arquitectónicas e visuais”.
Outra das achegas suxire eliminar o acceso desde a rúa Monasterio de Caveiro, no Ventorrillo, cara a avenida Finisterre, e desvialo tráfico ben por detrás do Centro de Saúde ou ben pola rúa Rodrigo Alfredo de Santiago. A idea, explica o asinante (Javi), é aproveitar o espazo “roubado” aos coches para unha zona verde aumentando así a praza do Ventorrillo, a di depósito.
Muíño da Agramela e peonalizacións
Nas áreas veciñas da Agra do Orzán, nos distritos do oeste, os números 2 e 3, hai outras 14 suxestión. Entre elas, algunha que afecta a elementos patrimoniais da Agra. Así, Adrián Martínez suxire que se reconstrúa o antigo muíño da Agramela, agora “desmontado en almacéns municipais”, e se sitúe “no alto da loma do Parque Adolfo Suarez que linda coa Ronda de Outeiro” para que sexa visible “dende amplas zonas da cidade”.
No distrito 3, as propostas tamén van encamiñadas á recuperación do espazo urbán, así por exemplo pídese facer peonil a rúa Joaquín Martín Martínez e tamén un plan de peonalización (incluíndo un carril bici) entre o entre Parque de Bomberos e o centro comercial Marineda City.
O Concello informou onte que nos dous primeiros días de recollida rexistráronse 59 achegas, das que 34 refírense especificamente a actuacións nos distritos, mentres que 25 teñen como finalidade levar a cabo actuacións globais destinadas ao conxunto da cidade.
O prazo para achegar novas propostas, que poden ser formuladas por persoas maiores de 16 anos empadroadas na cidade, estará aberto até o 21 de maio.
O BNG pedirá explicacións ao goberno municipal
Desde o BNG, a concelleira Avia Veira cuestionou que a participación cidadá chegue a ser satisfactoria coa nova fórmula. “Ábrese nunha páxina web a recollida propostas, agora coa variábel dos distritos incorporada, para logo peneirarse e proceder a que a xente vote, sen criterios de corresponsabilidade, xestión, decisión e participación real na elaboración e definición de investimentos”, dixo a nacionalista. O BNG interpelará ao goberno sobre o regulamento de participación no pleno do día 8.