Sanidade pública
Concentración cidadá o mércores 27 ás 8 da tarde no Obelisco
A Asemblea de Áreas Sanitarias de A Coruña comunica que o 27 e 28 de novembro haberá folga de médicos de familia e pediatras nos centros de saúde en Galicia.
A táboa reivindicativa das mobilizacións é:
- Xerencia de Atención Primaria. Recuperar a estrutura de xestión de atención primaria en 3 meses.
- Tempo para atención ó paciente: limitación de 30 citas por día.
- Estabilidade e non precariedade: oferta e convocatoria de “todas” as vacantes de “todas” as categorías mediante OPE.
- Cobertura do 100% das ausencias de “todas” as categorías.
- Orzamento específico e propio de Atención Primaria ata acadar o 25%, a razón dun incremento mínimo anual de 3 puntos porcentuais.
- Atención Homoxénea en todas as áreas sanitarias:
- Garantir a derivación de presenza física a todos os servizos hospitalarios.
- Teleconsulta en todos os servizos hospitalarios e resposta en menos de 7 días.
- Acceso a todas as probas diagnósticas
NON hai motivos salariais. As mobilizacións fanse buscando calidade e satisfacción no traballo. Na consulta atendemos persoas, con toda a súa complexidade, e precisan tempo e unha atención de maior calidade que a actual.
Pedímoslle á cidadanía o seu apoio e que participen na concentración que se vai celebrar o mércores 27 de novembro, ás oito da tarde, no Obelisco. Na defensa dos ‘nosos centros de saúde’, en defensa da sanidade pública.
Tamén faremos outra concentración o xoves 28 ás doce da mañá diante do centro de saúde do Ventorrillo.
A novidade actual é a persistencia do conflito con outra folga e a insistencia da Consellería nas mesmas políticas a pesar do seu fracaso, a pesar de levar case un ano de conflito en atención primaria. A realidade non cambiou, máis ben empeorou. A sobrecarga diaria, a falta de tempo para ver aos pacientes, a falta de inversión en atención primaria, a precariedade laboral e a perda de médicas xoves segue pasando. Non podemos aceptalo.
A resposta da Consellería foi a posta en marcha de comisións e a elaboración de documentos que deseñan a atención primaria do futuro. Pero de que futuro falamos?.
As concrecións da Consellería, os orzamentos para 2020 e o decreto de cambio da estrutura de xestión, foron unha grande decepción e indican que non pensan cambiar:
- Nos orzamentos practicamente non varía xa que pasamos do 12,17% en atención primaria no 2019, do total do orzamento da Xerencia de A Coruña-Cee, ao 12,76%, cando a literatura científica recomenda un 25% para que o sistema sanitario sexa eficiente e equitativo.
- No novo decreto de estrutura de xestión non hai cambios máis que de nome, pero non de contido nin funcións.
Por estes motivos mantemos o conflito, convocamos nova folga e chamamos á poboación a que participe nas mobilizacións na defensa dos centros de saúde.
Asemblea de Áreas Sanitarias de A Coruña