Sanidade pública
A Marea Atlántica denuncia a situación crítica do COF de Orillamar, con máis de 100 mulleres en lista de espera
O Sergas ten sen cubrir unha praza de Xinecoloxía e dúas de matrona, e a única xinecóloga que presta servizo a case 40 concellos está a piques de xubilarse
A Coruña, 25 de novembro de 2019.- A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e as concelleiras Silvia Cameán e Claudia Delso denunciaron hoxe a situación crítica que está a vivir o Centro de Orientación Familiar de Orillamar, co persoal sanitario baixo mínimos e máis de 100 mulleres en lista de espera. Reclamáronlle á Xunta que actúe de inmediato para resolver a situación, pois “este é o único centro público que atende ás interrupcións voluntarias do embarazo en toda a área sanitaria da Coruña, formada por case 40 concellos”, en palabras de Silvia Cameán.
“Cunha praza de Xinecoloxía sen cubrir desde marzo, coa directora e única xinecóloga a piques de xubilarse a calidade asistencial do centro está en perigo polos recortes do Sergas” declarou María García. E lembrou que neste 25N de novembro, Día Internacional pola erradicación da violencia contra a muller, “o Concello da Coruña leu unha declaración institucional, impulsada por nós, na que se lle reclama ás institucións un maior compromiso contra a desigualdade e o machismo, e aquí mesmo, no COF, vemos a importancia de cumprir estes compromisos, moito máis aló dos minutos de silencio”.
Silvia Cameán insistiu que “os COF son os únicos centros públicos que prestan servizos de saúde afectiva e sexual e atenden a interrupción voluntaria da xestación. Como xa denunciamos moitas veces no anterior mandato a Xunta está a proceder de forma irresponsable, facendo que moitas mulleres perdan o seu dereito á asistencia e rematen por irse á sanidade privada, o que deixa sen alternativa a quen non pode pagala”.
O COF conta con dúas prazas de xinecoloxía, pero unha está sen cubrir desde que o titular se xubilou en marzo deste ano. Deste modo, unha soa persoa ten que atender pacientes d Coruña, Cambre, Carral, Sada e Oleiros, pois este centro presta servizo a toda a área sanitaria da Coruña, case 40 concellos. A sobrecarga empeora porque a Xunta leva sete anos sen cubrir a praza de Xinecoloxía no COF do Ventorrillo, derivando todas as pacientes a Orillamar e aos centros de saúde. Ata o de agora, o Sergas vai chamando substitucións en días concretos cando a xinecóloga titular non está dispoñible, pero en canto se xubile non quedará ninguén para asumir a dirección do COF, poñendo en grave perigo o normal funcionamento do centro.
Á falta de persoal hai que sumarlle as dúas prazas de matrona, vacantes desde que se xubilaron as titulares en 2017. Como explicou Silvia Cameán, “o Sergas cúbreas con substitucións temporais, o que non só precariza o emprego, senón que fai imposible o correcto seguimento das pacientes. Nestes dous anos pasaron polo centro nove matronas diferentes”.
Na parte que lle corresponde, o Concello da Coruña tampouco está a responder. A súa tarefa é cubrir a praza da traballadora social, a profesional que lle ofrece a primeira orientación ás persoas que solicitan a interrupción voluntaria do embarazo. Pero este ano non puido collerse vacacións porque o goberno municipal non tiña persoal dispoñible para cubrila.