Saúde

Máis de cen persoas con linfedema e lipedema beneficiadas polo programa especializado da asociación AGL

A Asociación Galega de Linfedema (AGL) desenvolve un programa que inclúe fisioterapia, información e sensibilización, financiado con fondos do 0,7% do IRPF, xestionados pola Xunta de Galicia.
Máis de cen persoas con linfedema e lipedema beneficiadas polo programa especializado da asociación AGL
GdFobLQwiq-a-entidade-realiza-xornadas-de-sensibilizacion-como-esta-na-deputacion-de-pontevedra
A entidade realiza xornadas de sensibilizacion como esta na Deputacion de Pontevedra

A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas (AGL) leva adiante durante o ano 2024 un Programa de Atención Especializada para Persoas con Discapacidade, que está a beneficiar a máis de cen persoas afectadas por estas doenzas. O programa, xestionado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), engloba actividades de fisioterapia, atención individualizada, e accións de sensibilización e información dirixidas tanto a profesionais como á poboación en xeral.

Este proxecto, crucial para mellorar a calidade de vida das persoas con linfedema e lipedema, está financiado a través dos fondos do 0,7% do IRPF procedentes das persoas que marcaron o recadro 106 de Actividades de Interese Xeral Consideradas de Interese Social, tamén coñecido como X Solidaria, e que son xestionados pola Xunta de Galicia. A fisioterapia, unha das accións centrais do programa, ten como obxectivo mellorar as capacidades das persoas usuarias, facilitando a súa autonomía e promovendo a súa integración social e laboral. Na actualidade, 71 persoas están a beneficiarse deste servizo en 11 clínicas distribuídas por toda Galicia, en concellos como A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Ferrol, Culleredo e Carballo. Desde o inicio de 2024, xa se atenderon máis de 80 consultas, complementadas con accións de sensibilización en diferentes localidades da comunidade.

A asociación AGL destaca a fisioterapia como o tratamento máis eficaz para previr que as doenzas relacionadas co linfedema e o lipedema se agraven, e subliñan a insuficiencia de recursos na sanidade pública galega para ofrecer este servizo de maneira universal, o que obriga a moitas persoas afectadas a recorrer a solucións privadas, frecuentemente inasumibles economicamente. Por este motivo, desde 2015, a AGL decidiu poñer en marcha este programa, que considera esencial xunto coas medidas de compresión.

O orzamento para este programa de fisioterapia rolda os 50.000 euros, co apoio da Deputación de A Coruña, que aportou 11.964,86 euros a través do programa FOCVAA, e a Deputación de Ourense, que contribúe con 2.000 euros. O resto do financiamento, ata os 7.500 euros, procede da convocatoria do 0,7% do IRPF. Grazas a este apoio, AGL espera seguir prestando un servizo fundamental para as persoas afectadas, co obxectivo de manter e mellorar a súa calidade de vida.

Máis de cen persoas con linfedema e lipedema beneficiadas polo programa especializado da asociación AGL