Pazo de Meirás
O BNG demanda a protección do Pazo de Meirás ante a retirada de bens móbeis dos Franco
"O Estado non incorporou estes bens nas reclamacións que presentou, polo que os Franco poden retiralos nos vindeiros días", advertiu a portavoz de Cultura, Mercedes Queixas. O BNG expresou a súa preocupación polo feito de que "algúns destes elementos os Franco os saquen fóra de Meirás", o que iría en contra da propia identidade do pazo e mesmo tamén condicionaría a súa propia declaración como Ben de Interese Cultural.
A deputada do BNG emprazou á Xunta a actuar "con urxencia" na incoación do expediente BIC para protexer algúns destes elementos mobles, como por exemplo varios conxuntos isabelinos, os anxelotes de bronce ou as lámpadas sobre pilastras, xa que "non se pode explicar o Pazo de Meirás sen todo o seu conxunto patrimonial completo".
Queixas asegurou que estas pezas son "elementos inseparables" do conxunto íntegro do inmoble residencia da escritora Emilia Pardo Bazán e, posteriormente, residencia oficial do ditador Franco. "A ausencia destas pezas afecta sen dúbida ó propio significado e o que representa o pazo de Meirás", remarcou.
O BNG esixe ao goberno do PP que incoe de inmediato o expediente BIC para protexer todo o patrimonio do Pazo de Meirás.