ONGD ACCP Galicia | nota de prensa
O activismo trans de El Salvador está de “xira” en Galicia
Entre os días 22 e 30 de marzo Bianka Rodríguez e Marcella Hernández, da asociación Comcavis Trans de El Salvador, desenvolverán unha ampla axenda de sensibilización e incidencia política sobre os dereitos das persoas LGBTI, en varias localidades galegas.
A actividade está organizada por ACPP Galicia no marco do proxecto Abeirar que ten por obxecto pór de relevo o xénero e as diversidades sexuais como causa de desprazamentos forzados.
21 de marzo de 2023.- Mañá comeza a xira galega das activistas transexuais de El Salvador, Bianka Rodríguez e Marcella Hernández, da organización Comcavis Trans, que entre os días 22 e 30 de marzo estarán en diferentes localidades para desenvolver actividades de sensibilización nos centros de ensino, divulgación e incidencia en persoas con cargos políticos.
En concreto estarán en Santiago de Compostela, Ferrol, Vila de Cruces, Ames, Brión e Lalín co obxecto de visibilizar o traballo que desenvolven na loita ante as violencias exercidas sobre a poboación LGBTI de El Salvador, con especial atención ao caso das persoas que se ven obrigadas a abandonar o seu lugar de residencia.
Esta visita está organizada pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia no marco do proxecto “Abeirar: desprazamentos e refuxio con enfoque de dereitos”, unha iniciativa que pon o foco nos desprazamentos humanos, especialmente os forzosos, e introduce unha nova perspectiva ao acoller o xénero e as diversidades sexuais como causas de desprazamentos, sumándoas a outras máis asimiladas socialmente como as guerras, os conflitos ou a pobreza.
Para falar en primeira persoa da situación que vive o colectivo LGBTI en El Salvador, contarase con dous perfís potentes e complementarios, ambos vencellados á organización Comcavis Trans, organización que traballa para promover, defender e demandar o cumprimento dos dereitos humanos das persoas LGBTIQ+ no Salvador, e á casa-refuxio Karla Avelar. Cun perfil político, estará Bianka Rodríguez, muller transfeminista defensora de Dereitos Humanos, presidenta de Comcavis Trans, que cunha ampla traxectoria internacional, foi o gañadora do premio Nansen Refugee Award e a primeira muller trans designada como Colaboradora de Alto Perfil do Alto Comisionado das Nacións Unidas polos Refuxiados. O perfil de Marcela Hernández responde ao de Asistente Técnica Comunitaria na área de Desenvolvemento Territorial e Liderado. Na actualidade traballa desde a arte en procesos de creación de espazos seguros, libres de discriminación e violencia, a través da sensibilización, empoderamento e fortalecemento de capacidades e habilidades da poboación LGBTIQ+.
Axenda:
• 22 de marzo, Santiago de Compostela
◦ 11.00h. Reunión coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia.
◦ 19.00h. Participación no Seminario de Comunicación Social organizado pola ONGD AGARESO, sobre o sistema de Cooperación Internacional.
• 23 de marzo, Ferrol e A Coruña
◦ 15.30h. Taller de arte-terapia co alumnado do ciclo formativo “Promoción da Igualdade” do CIFP Leixa de Ferrol.
◦ 19.30h. Encontro con base social na tenda de comercio xusto da Coruña da ONGD Solidariedade Internacional Galicia.
• 25 de marzo, Vila de Cruces
◦ 11.30h. “Taller de arteterapia: a arte como ferramenta de sanación”, no Local Social do Poboado Mineiro de Fontao, en Vila de Cruces, organizado en colaboración co colectivo feminista de Vila de Cruces, Levedar.
• 27 de marzo, Santiago de Compostela
◦ Reunión coa Secretaría Xeral de Igualdade.
• 28 de marzo, Santiago de Compostela e Ames
◦ 10.30h. Encontro coa secretaría do Fondo Galego de Cooperación a Solidariedade. ◦ 12.50h. Actividade no IES de Ames con alumnado de 3º e 4º da ESO.
• 29 de marzo, Brión
◦ 12.15h. Encontro co alumnado do IES de Brión de 2º ESO.
• 30 de marzo, Lalín
◦ Encontro do alumnado do IES Laxeiro de Lalín que traballa cuestións de igualdade e diversidade sexual no centro.