8M
Convocan manifestacións de estudantes para o 8 de marzo no marco da Folga Estudantil Feminista
Estas manifestacións terán lugar en Vigo, Ferrol e A Coruña, ás 12 horas, no marco da Folga Estudantil Feminista convocada polo Sindicato de Estudantes en tódolos institutos e universidades do estado.
A organización anima ás estudantes e aos profesionais da comunicación a asistir ás manifestacións e cubrilas. As distintas compañeiras estarán dispoñibles a partir das 11:45 horas nos puntos de partida das manifestacións para atender a aqueles que asistan e explicar os motivos e obxectivos desta folga estudantil.
O Sindicato de Estudantes e a Asociación Feminista Libres e Combativas invitan a todas as estudantes e profesionais da comunicación a sumarse a esta manifestación e a apoiar a causa feminista. "É unha oportunidade única para expresar a nosa solidariedade e demostrar o noso compromiso cos dereitos das mulleres".
Manifesto
O capitalismo é violencia contra as mulleres
Decembro de 2022 será lembrado por ser o mes con maior número de asasinatos machistas dende que comezaron os rexistros oficiais en 2003. Un ano que remata con dous menores e 49 mulleres asasinadas polas súas parellas, exparellas ou proxenitores.
En case a metade destes casos constaban denuncias previas e en cinco deles había supostas medidas de protección que non evitaron os crimes. É insoportable. Seguen a matarnos e aquí non cambia nada. A cousa sería moi distinta se as vítimas, en lugar de mulleres, fosen bispos, banqueiros, políticos ou xuíces.
Vivimos un aumento dramático da violencia contra nós permitido e amparado por un aparato do Estado e unha xudicatura machista e clasista que queren demostrarnos quen manda aquí. A ofensiva reaccionaria contra a lei do Só Si é Si é un exemplo de que nos declararon a guerra. Estes dereitistas con toga, coma os dirixentes de Vox e do PP, protexen a violadores con sentenzas infames, obrigan a entregar os nosos fillos a maltratadores, axitan contra o dereito ao aborto e diseminan a súa homofobia e transfobia sen límite.
O problema é o sistema. 8M Folga Estudantil Feminista
Estamos fartas de que, a pesar das leis e das declaracións do Goberno estatal do PSOE-UP, a violencia contra as mulleres non cese. Pode parecer contraditorio que esta escalada de asasinatos se produza cando máis leis feministas se están a tramitar. Pero non o é. Para acabar co machismo non abonda con denunciar a súa existencia ou simplemente modificar a lexislación. Hai que ir á raíz do problema, a opresión económica, ideolóxica e de xénero que provoca o capitalismo, e enfrontarse á extrema dereita, á Igrexa católica e aos franquistas que infestan as institucións. Loitar contra a violencia machista pasa por mobilizar os inxentes recursos económicos que existen (e que están nos petos dos grandes capitalistas, empresarios e proxenetas) e poñelos ao servizo das necesidades sociais que existen e das máis oprimidas: as mulleres da clase traballadora.
O capitalismo é violencia sistémica contra as mulleres, contra as traballadoras e a mocidade. Mais non imos permitir que este sistema nos esmague.
Dende Libres e Combativas e o Sindicato de Estudantes chamamos a baleirar as aulas na folga estudantil feminista deste 8 de marzo e a encher as rúas nas manifestacións das 12h. Non daremos nin un paso atrás ata conseguir que a consigna nin unha menos! se faga realidade. A loita fainos libres.
Afíliate e constrúe connosco o feminismo revolucionario!