Garantirá a paridade en todos os órganos de representación municipais
O goberno local impulsa unha ordenanza de igualdade
A intención do executivo é sacar adiante un texto que regule a introdución da perspectiva de xénero nos orzamentos municipais e avalíe o impacto de xénero das políticas públicas e da normativa local
Concello da Coruña | 28/03/2018
O goberno local da Coruña proxecta impulsar unha Ordenanza de Igualdade de Xénero co obxectivo de erradicar da administración calquera forma de discriminación, así como fomentar o empoderamento individual e colectivo das mulleres e reforzar a súa posición social, económica e política, facilitando o recoñecemento da diversidade. Con este texto, o executivo quere avanzar un chanzo máis nas súas medidas para favorecer a igualdade efectiva de xénero logo de poñer en marcha, dende o principio de mandato, diversos proxectos que derivaron en avances neste eido, como é o caso do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas, a Instrución para a Transversalidade de Xénero e o posterior Plan de Igualdade para o Persoal Municipal, a consolidación do Espazo Diverso LGTBQI, a Escola de Empoderamento Feminista, entre outros. Ao fío, a ordenanza, que servirá para blindar os dereitos xa acadados coas anteriores medidas, así como garantir a dotación técnica e orzamentaria precisa, profundizará no camiño iniciado coa introdución por parte do goberno local de cláusulas sociais, entre elas as de igualdade de xénero, na contratación pública. A vontade do goberno local é que a futura norma teña un carácter inclusivo e, polo tanto, estea aberta á participación tanto do resto de grupos da corporación municipal como dos colectivos, entidades e voces expertas en políticas de xénero que existen na cidade.
A ordenanza, máis alá de referendar obxectivos tales como a consecución da igualdade de trato e de oportunidades e o respecto ás diversidades dentro da administración local, traducirase, ademais, nunha serie de accións concretas, para garantir unha representación equilibrada (cun 40% de mulleres, como mínimo) en todos os órganos de representación municipais, como son a Xunta de Goberno Local, as comisións plenarias, os consellos de administración das empresas públicas, os tribunais de selección ou os consellos municipais de calquera natureza. Do mesmo xeito, tamén se plantexa a introdución da perspectiva de xénero á hora de abordar a elaboración dos orzamentos municipais, así como unha necesaria avaliación do impacto de xénero das políticas públicas e de toda a normativa local.
Outras das medidas propostas como base para o traballo que liderará agora a Concellaría de Igualdade e Diversidade pasa por desterrar calquera tipo de linguaxe e imaxe sexista da administración municipal, introducir a variable de xénero nos estudos e estatísticas que elabore o Concello, transversalizar a perspectiva de xénero a todas as áreas de goberno, así como a creación dunhas estruturas estables que velen polas políticas de igualdade de cara ao futuro.