Un programa "que pretende incrementar a participación activa das mulleres en todos os eidos sociais"
O Concello pon en marcha a Escola de Empoderamento Feminista
A concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, inaugurou onte, nun acto no Paraninfo coa activista e escritora Silvia Federici, o novo recurso municipal, que ofertará 10 talleres gratuítos, abertos á cidadanía mediante inscrición e que se desenvolverán nos centros cívicos da cidade
Concello da Coruña | 3/04/201/8
A Concellería de Igualdade e Diversidade, dirixida por Rocío Fraga, pon en marcha a Escola de Empoderamento Feminista, un novo programa de formación "que ten como obxectivo incrementar a participación activa das mulleres en todos os eidos sociais". Este recurso municipal contempla a celebración, até o mes de xuño, de distintas actividades de formación que pretenden "afondar en aspectos socio-educativos e de sensibilización en torno á igualdade e á perspectiva feminista como eixe de transformación social, tanto dende o nivel individual como o colectivo". A responsable municipal recordou que este tipo de actividades "buscan abrir procesos democráticos e alentar unha maior participación activa das mulleres en todos os ámbitos da vida municipal". A Escola de Empoderamento Feminista, que aborda a súa primeira edición, pero que ten vocación de continuidade, enlaza con outras medidas pioneiras implementadas polo goberno local a través da área de Igualdade como é o caso do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas ou a futura Ordenanza de Igualdade, unha nova ferramenta que o executivo municipal pretende poñer en marcha para erradicar da administración calquera forma de discriminación, así como o fomento do empoderamento individual e colectivo das mulleres, reforzando a súa posición social, económica e política.
A Escola de Empoderamento Feminista quedou inaugurada onte nun acto no Paraninfo da Universidade no que participou a activista feminista e escritora Silvia Federici.
Obradoiros
A primeira edición da Escola de Empoderamento baséase na celebración de distintos obradoiros gratuítos destinados á cidadanía e que se celebrarán en varios centros cívicos da cidade, de cara a facilitar o máis posible a súa accesibilidade. O período de inscrición aos mesmos, que se desenvolverán até o mes de xuño, abrirase mañá, mércores 4 de abril e rematará o próximo día 17 ás 21.00 horas. O formulario de inscrición estará dispoñible durante ese tempo na páxina web da Concellería de Igualdade e Diversidade.
No caso de que o número de persoas solicitantes supere ás prazas dispoñibles para cada un dos obradoiros ofertados, a adxudicación das mesmas realizarase mediante sorteo. Este, de ser necesario, terá lugar o 18 de abril, de forma pública, na Concellería de Igualdade e Diversidade.
Os obradoiros ofertados no programa abordan distintas temáticas. Cunha duración de 30 horas que terá lugar os luns 23 e 30 de abril, ademais do 14, 21, 28 de maio e o 4,11,18 e 25 de xuño e o 2 e o 9 de xullo, o centro cívico de San Diego acollerá o taller As Mulleres que me Conforman, dirixida a mulleres interesadas no desenvolvemento creativo e persoal a través de ferramentas audiovisuais. "Da man dunha psicóloga e unha comunicadora audiovisual traballaremos ao redor da idea das mulleres que admiramos, que foron e son referentes, e que nos representan. As participantes escollerán onde poñen a súa atención e decidindo que é o que queren comunicar, compartindo un produto final no que cada unha amosará a súa voz en forma de peza audiovisual", comenta Fraga.
O centro cívico de Mesoiro, pola súa banda, será o espazo no que se celebre os xoves 26 de abril e 3 e 10 de maio, de 16.30 a 18.30 horas o programa Novas Masculinidades e Paternidades Corresponsables, dirixido a homes maiores de 16 anos. Este obradoiro pretende traballar a apertura dos homes cara o bo trato consigo mesmos, como base dende a que impulsar un trato positivo co resto, desterrando calquera forma de violencia machista, por pequena que sexa.
Os mércores de 10.30 a 12.30 horas, dende o 25 de abril e até o 27 de xuño terá lugar o obradoiro Coidar Coidándonos, dirixido a mulleres a partir de 18 anos. Este taller afonda na situación de moitas mulleres coidadoras de dependentes, colectivo especialmente vulnerable non só pola súa carga na saúde física e emocional, senón pola situación de illamento na que se atopan. O obradoiro intentará que as participantes recoñezan a importancia de coidar da súa saúde, fomentando o autocoidado. Será no centro cívico de Labañou.
Por outro lado, o centro cívico da Cidade Vella acollerá todos os martes, de 17.15 a 19.15, dende o 24 de abril até o 17 de xullo, o curso de Autodefensa Feminista. Destinado a mulleres e mozas a partir dos 16 anos, o obradoiro servirá para abordar a autodefensa de xeito integral, traballando todos os niveis e conectando as experiencias vividas de xeito colectivo.
A Escola de Empoderamento tamén conta cun obradoiro de Xénero e Discapacidade, que terá lugar os luns e os xoves de cada semana, de 17.00 a 19.30 horas, dende o 3 ao 28 de maio no centro cívico dos Mallos. Dirixido a profesionais da psicoloxía, traballo social, educación, dereito e saúde que traballen no ámbito das diversidades, así como calquera outra persoa interesada na temática.
Entre o 25 de abril e o 27 de xuño, todos os mércores, de 17.30 horas a 19.30 horas, no centro cívico dos Rosais, e dirixido a mulleres a partir dos 16 anos, terá lugar o obradoiro Cabaré Empoderante, que busca, mediante este xénero escénico, reforzar as capacidades de empoderamento tanto no plano individual como no colectivo na procura dunha maior autonomía en todas as esferas da vida.
Destinado, neste caso, a mozos e mozas de entre 16 e 25 anos, o programa municipal tamén oferta o obradoiro de Diversexualidades, que terá lugar todos os xoves entre o 26 de abril e o 25 de maio entre as 17.00 e as 20.00 horas no centro cívico de Monte Alto. Esta actividade busca educar na diversidade afectivo sexual.
Para mulleres maiores de 13 anos é o obradoiro Ffotografía, que se celebrará todos os venres, de 17.30 a 20.30 horas entre o 27 de abril e o 25 de maio no centro cívico de Eirís e que se basea na integración de tres elementos: feminismo, fotografía e educación. Tamén terá lugar no centro cívico do Castrillón, entre o 23 de abril e o 9 de xullo, todos os luns, de 17.00 a 19.00 horas, o obradoiro de Empoderamento e Crecemento Erótico, para mulleres a partir dos 30 anos. Trátase dun espazo seguro, que cun enfoque de xénero e feminista, busca enriquecer o autocoñecemento e as interaccións persoais, relacionais e sociais.
O último dos obradoiros nesta primeira edición da Escola de Empoderamento Feminino é o adicado a Xénero, Poder e Feminismo. Celebrarase o venres e o sábado, 4 e 5 de maio, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas a primeira xornada, e de 10.00 horas a 14.00 horas a segunda, no centro cívico de Monelos. "Este obradoiro é unha sorte de convite, un espazo para reflexionar e tomar consciencia de como a construción de xénero inflúe no funcionamento dos grupos", comentou Fraga, que animou a toda a cidadadía "a participar destas actividades qe redundan nunha cidade máis igualitaria e, polo tanto, máis xusta".