Movemento feminista da Coruña | nota de prensa

Hoxe, concentración feminista en María Pita ás 20;00h

Ante a escalada de feminicidios que estamos vivindo; ante a violencia machista cada vez máis explícita e lexitimada por un sistema económico, político, social e xudicial patriarcal, desde o Movemento Feminista da Coruña, facemos este manifesto co obxectivo de amosar as nosas reivindicacións e asegurar o dereito de todas as mulleres e nenas, sen importar a súa nacionalidade, orixe ou etnia, a unha vida libre e segura.

Hoxe, concentración feminista en María Pita ás 20;00h
Concentración feminista
Concentración feminista

Esiximos o cumprimento por parte do Estado do CONVENIO DE ESTAMBUL,, de forma que o noso marco xurídico recolla todas as formas de violencia contra a muller. É dicir, todos os actos por razón de sexo que poden implicar violencia física, sexual, psicolóxica e económica, así como a ameaza de ditos actos, para as mulleres e as nenas, sexa na vida pública ou privada; e non só a violencia exercida pola parella ou exparella como é actualmente..

Esiximos así, a modificación do marco normativo e xurídico, a todos os niveis do Estado, para que a violencia machista sexa por fin erradicada en todos os ámbitos, sen importar a relación entre vítima e agresor.

Esiximos a abolición do SISTEMA PROSTITUÍNTE: o peche inmediato dos prostíbulos; a introdución no código penal de multas para quen tente mercar sexo; nos procesos de investigación, a redución da carga da testemuña das mulleres prostituidas; o recoñecemento da prostitución como fenómeno ligado á trata e unha forma de violencia machista; que o organismo encargado da detección das vítimas sexa especializado en violencia de xénero e non de inmigración; a posta en marcha de programas de protección e integración socio-laboral, seguemento psicolóxico e axudas económicas para as vítimas; por último a creación dunha base de datos compartida de persoas desaparecidas para poder encontrar e protexer a todas as mulleres e nenas que actualmente continúan dentro do sistema prostitucional.

Esiximos a abolición da, A PORNOGRAFÍA, a teoría que logo se leva á práctica nos prostíbulos, a que ensina a normalizar e erotizar a violencia cara ás mulles. Esiximos a posta en marcha de proxectos educativos no ámbito afectivo-sexual para que os nenos do mañá non pensen que o sexo e o acceso ao corpo das mulleres é un dereito, e as nenas do mañá medren coa liberdade de non seren obxectos de uso e abuso por parte dos seus compañeiros.

Esiximos a abolición da LEI DE EXTRANXEIRÍA, para que todas as mulleres, independentemente da súa situación administrativa, teñan acceso a todos os dereitos,

axudas e programas de protección que lles permita vivir unha vida libre de violencia machista sen ningún tipo de restrición; así como protocolos específicos de protección fronte a violencia institucional.

Esiximos o fin da EXPLOTACIÓN REPRODUTIVA en todas as súas formas: a introdución no código penal do papel que xogan as clínicas e empresas relacionadas con este proceso delitivo, o establecemento de penas para quen tente acceder a estes malchamados “servizos”; así como quen tente introducir a un bebé no Estado baixo o pretexto de filiación cando éste proveña dunha nai explotada..

Porque os nosos corpos non se alquilan nin se venden, as mulleres non somos mercancía

Esiximos a fin da XUSTIZA PATRIARCAL: que as formacións en xénero do persoal lexislador teña efectos reais sobre a realidade das mulleres que denuncian a violencia machista; a fin da violencia institucional a través dos procesos de revitimización; a posta en marcha de recursos que permitan reducir os tempos xunto con medidas de proteción que realmente sexan efectivas. Esiximos a proteción das mulleres ao longo de todo proceso, tanto física como psicolóxicamente; penas reais para quen agrede física, sexual e psicolóxicamente, especialmente cando se trate de casos reincidentes

Esiximos o fin da VIOLENCIA VICARIA, da violencia libremente exercida pola xustiza e maltratadores sobre as nosas crianzas. A xustiza debe impedir que eses nenos e nenas sigan sendo vítimas, debe impedir que o maltratador poida seguir exercendo violencia e control sobre eles e elas e, por ende, sobre a nai; así como a fin das custodias para os maltratadores, estén condenados ou baixo unha denuncia.

BASTA XA DE VIOLENCIA MACHISTA

ESIXIMOS O FIN DO PATRIARCADO e mentres nos sigan asasinando e violentando impunemente estaremos aquí, na praza de María Pita, o 17 de cada mes, esixindo os nosos dereitos.

Non queremos marcharnos sen mencionar ás nosas compañeiras afgás, amosando todo o noso apoio e reivindicando a reaccción do Goberno para protexelas como vítimas de persecución política por razón de sexo.

 

Moitas grazas

Hoxe, concentración feminista en María Pita ás 20;00h