Eleccións municipais | BNG

A candidata dos tres ces

Unha mañá de compras con Mercedes Queixas, veciña dos Mallos e número 3 da lista do BNG ás municipais.

Mercedes, filla, neta e bisneta de carniceiros, acredita no comercio de proximidade e pondera as virtudes de facer a compra no barrio: cercanía, confianza e comunidade.

A candidata dos tres ces
Mercedes Queixas Zas na pescaría
IMG_0062

Mercedes é mestra. Remata as aulas pouco despois do mediodía. Vai case sempre un pouco ás presas. “Como todas”. É mestra e escritora galega. É secretaria xeral da AELG, a asociación de escritoras e escritores en lingua galega fundada cando ela era unha nena por personalidades como Dieste, Carvalho Calero, Avilés de Taramancos ou Luísa Villalta, entre outros. A primeira parada da mañá é na Libraría Couceiro, un clásico do barrio e do libro na cidade. “Lembro que me compraban os libros de texto na Couceiro, a de enfronte. E eu continuei mercando os das miñas fillas. E desde aquela segue sendo un punto de referencia”, conta Mercedes. O barrio mudou moito nestes últimos corenta anos. “Era un barrio mariñeiro e traballador, coa presenza constante das mulleres da Fábrica de Tabacos. Con moitísima vida”, lembra. O comercio e as rúas estaban cheas de vitalidade. Algo diso queda. Pero menos intenso.

Queixas Zas, a escritora, a política, é unha muller comprometida co barrio e que vive o barrio. “Non frecuento as grandes superficies”, advirte rotunda, “as miñas fillas din que son un pouco rara, pero non, todo o contrario”. Mercedes acredita no barrio e no comercio de proximidade porque ela mesma é filla, neta e bisneta de comerciantes. “A familia materna empezou coa carnicería na Laracha e despois meus pais montaron aquí cando viñeron. Os avós paternos rexentaban a cantina do tren de Meirama. Podo dicir con todo o orgullo do mundo que me criei detrás dun mostrador… por iso adoro as tendas, os comercios, todos. Mire, nesa zapataría compráballe os zapatos ás nenas mentres foron nenas. Alí, o pan. Alí arriba, a perfumaría que vou sempre. A zapataría dos Mallos de toda a vida. Teño algunha cafetería preferida pola parte de Vioño, onde vivimos agora”.

Mercedes Queixas Zas na frutería

A seguinte parada é na pescaría, do outro lado da ronda. Hai cola. Mercedes conversa coas clientas (tamén algún cliente). Xa non hai présa. A vida do barrio calma. “Non, non continuamos a tradición para desgusto do meu pai. Despois de tres xeracións de carniceiros… eu quixen ser mestra”. E xusto coincide cunha ex alumna que hoxe vai para mestra. A Mercedes acaban de agasallala poñéndolle o seu nome a unha das aulas no IES Urbano Lugrís. O mesmo día que a Rosa Cedrón, a cantante, e a Maruxa Mallo, a actriz, a Vero Boquete, a futbolista… “Unha honra, aínda sigo emocionada”.

A compra e os recados non remataron, pero Mercedes fai un alto para explicarse moi seria. “Por que adoro o comercio de proximidade? Ben, anote. Polos tres ces: cercanía, confianza e comunidade”. E abunda. “A cercanía non é só física, o que resulta moi cómodo, claro, pero tamén me refiro ao trato. A confianza é esa cousa que se consegue co tempo e que che dá seguridade e mesmo poder dicir: ‘vou con présa, gárdame isto que veño despois…’ ou dicir: ‘levo isto e xa che pagarei que non levo cartos’. Son esas relacións directas, chamarnos polo nome, sermos alguén para quen nos atende e coida. Persoa a persoa. O que ten coñecerse… A comunidade, por último, son as redes que se tecen. Eu compro o pan aquí e véxote aquí, ou eu cómproche a ti e despois ti a min. Saber sempre onde e a quen recorrer para topar algo ou alguén”.

Mercedes Queixas Zas, de compras nos Mallos

Os tres ces, empezando pola cercanía que, ben pensado, tamén se lle pode aplicar ás mestras que non se esquecen e te paras con ela cando a ves pola rúa. A Mercedes, sen ir máis lonxe.

Unha visita á tinturaría. Aínda non está aquela chaqueta. “Volve nun rato que lle paso o ferro rápido e xa está”. A confianza. Un par de locais máis arriba, subindo xa cara á casa: o pan e a froita. Na froitería, comunidade. Alguén conta que andan os de Facenda estas semanas polo barrio. Mirándoo todo con lupa. Andade con ollo. Mercedes ri, pero deseguido ponse seria e pregunta polo detalle do asunto. Está na política con responsabilidade e vontade de axudar. Empezando polo seu barrio. Cuestión de prioridades. Os tres ces.

Vai cargada de bolsas. Queda coller o pan e á volta xa está a casa. Nos Mallos as rúas seguen sendo vizosas porque hai comercio, xente, confianza, comunidade.

A candidata dos tres ces