Educación

“Todo isto serve para algo, seino”

A única escola oficial de ensino básico para adultos da cidade está na Sagrada Familia e ten alumnos de até setenta anos.

“Todo isto serve para algo, seino”
Natiuska Naylor, profesora EPA Pondal na Sagrada (3)
Natiuska Naylor, profesora na EPA Pondal na Sagrada.

O Eduardo Pondal, con sedes na Sagrada Famillia e na Cidade Escolar, é un dos sete centros públicos de educación para adultos espallados polo país. Na Sagrada imparte os dous cursos de Ensino Básico Inicial. Son tres mestres a repartir o traballo, que tamén dan aulas na formación que se ofrece na rúa Educación. A matrícula está aberta durante todo o ano, así que o número de alumnos varía acotío. As idades van dos 18 até os 70 anos. Hai uns trinta estudantes matriculados en cada un dos catro grupos, pero só a metade son habituais.

Ao superar os dous niveles, os alumnos teñen a capacitación equivalente a Primaria. A idea é que continúen estudando. Só uns poucos animaranse a seguir. Non hai frustración entre os mestres. Aquí os obxectivos se cumpren cada día.

“Ler, escribir, comprensión de textos, operacións básicas, sumar, restar, resolver problemas sinxelos… Eses son os obxectivos de capacitación” di Natuska Naylor, 44 anos, mestre vocacional, inquieta, cun currículo que vai elixindo retos, saltando pedras. Non se tropeza cunha montaña, tropezase coas pedras. “Sei que todo isto serve para algo. Non perdémolo tempo”, insiste Natuska.  

A escola está nun edificio avellentado, non máis ca calquera outro dos equipamentos públicos do barrio. Baixo e dous andares na praza de Nuestra Señora. Está a conserxería e unhas escaleiras que soben ás aulas. Natuska ten traballo o luns pola tarde na planta baixa. Hoxe hai poucos alumnos. Case todos de etnia xitana. Hai cadeiras amontoadas nunha das paredes. A profesora e os alumnos sentan nun pequeno grupo de mesas. Revisan papeis. Na seguinte quenda serán máis os inmigrantes. Hai respecto. Normas. Un colexio. Unha oportunidade máis pensa Natuska, que é interina e móvese procurando sitios diversos onde demostrar que a educación, o ensino, si serven para algo.

“Este é o único centro oficial de Ensino Básico Inicial que hai na Coruña, así que vén xente de toda a cidade. A maioría veñen porque llo esixen nos itinerarios das axudas sociais. Pero tamén hai xente maior que non puido estudar antes ou inmigrantes, moitos que teñen estudos pero non os papeis que o certifiquen”.

Natuska estivo o curso pasado con pequenos, e os dous anteriores, en Palavea, no Centro de Menores, “o cárcere”. “Pedín ir para alí; vaime esta guerra… As rapazas e os rapaces que van ben, van sos. Case”.

Natiuska Naylor, profesora EPA Pondal na Sagrada (1)

As aulas para adultos son diferentes a todo. “Hai días nos que alguén rompe a falar e tes que parar a clase e seguir o fío. Hai historias de vida duras. Non so de inmigrantes. Aquí o vehículo para transmitir coñecementos son esas historias de vida. E a xente vai vendo que o que aprenden lles resulta útil”.

A mestra explica que aos alumnos lles falta coñecer normas básicas en certos aspectos. E que para iso serve saír da escola. Que o currículo é flexible e ela organízalles as veces visitas á Casa das Ciencias, á Casa dos Peixes, á Biblioteca de aquí ao lado. “Están os recursos, so hai que preguntar e si se pode, utilizalos”. A escola está pegada á oficina das Migracións e á do Secretariado Xitano, con eles quere facer actividades o ano próximo Natuska, que xa decidiu que quere seguir aquí.

Non se engana

“Ensinar a ler e escribir é das cousas máis traballosas. Ás veces xuntas un grupo no que hai xente que sabe e xente que non, e a cousa complícase. Debera de haber un grupo para esa xente que non sabe.”

“Hai rapaces que o que buscan é superar o primeiro chanzo dos estudos. Teño algúns, sobre todo dominicanos, que ven claro que precisan os títulos… Non sei, é unha posibilidade, non sei se é a mellor forma para atopar unha colocación”, explica Natuska con tantas dúbidas como forza para afrontalas. Esa forza que parte dunha misión ben simple: “Se consegues influír un pouco na vida desta xente, xa é algo”.

Algo que esixe enfadarse, berrar de cando en cando, ir espertando curiosidades, compartindo mesmo as súas experiencias en todos estes anos de botar unha man aos que non van tan ben. Natuska admira aos seus alumnos. A aquela señora que viñera hai anos de Perú cargada de fillos e que chegado o momento decidiu tomarse un respiro no traballo de sacalos adiante e púxose a estudar, ou aos que viñeron en caiucos.

Algo. Pero Natuska non se engana. “Ti vas tomar un café por aquí e cóbranche un euro; vai un xitano e cóbranlle un con cincuenta. Cóntanmo e créollo. Vanlles dar un traballo? É triste, pero ves que aos que mellor lles vai ir son os que menos xitanos ou latinos parecen”.


 

“Todo isto serve para algo, seino”