Parque da Agra Xa!

Agra do Orzán clama polo seu parque: 50 anos de loita veciñal

Flor Antelo, presidenta da Asociación Veciñal, denuncia a falta de compromiso das institucións  

A Asociación Veciñal Agra do Orzán leva décadas sendo un motor de actividades culturais e sociais no barrio. Nesta ocasión, falamos coa súa presidenta, Flor Antelo, sobre a histórica reivindicación do PARQUE DO AGRA XA!, unha loita veciñal que se prolonga xa durante máis de 50 anos.

Agra do Orzán clama polo seu parque: 50 anos de loita veciñal
Flor Antelo
Flor Antelo

O Parque do Agra: unha demanda histórica

Flor, cóntanos cal é a situación actual do Parque do Agra?

Levamos medio século reclamando que se abra a zona do Observatorio ao barrio. É un espazo público, o que significa que pertence ás veciñas e veciños. Pero, segue inaccesible. Durante estes anos recibimos promesas de diferentes corporacións municipais, pero ningunha se cumpriu.

Hai ano e medio tíñamos o compromiso de que o muro que separa o barrio do parque sería derrubado. Pensabamos que, tras as últimas eleccións municipais, este proxecto finalmente se faría realidade. Pero xa pasou máis dun ano e todo segue igual. Por iso, a Asociación Veciñal continúa mobilizándose e esixindo respostas.

A mobilización constante

Durante dous anos, todos os xoves concentrámonos diante do Concello, en María Pita, para lembrar ao Goberno Municipal que este problema segue pendente. Máis recentemente, o pasado 7 de novembro, convocamos unha manifestación que percorreu o barrio desde a Praza das Conchiñas ata a Rúa Canceliña, xunto ao muro que queremos derrubar.

Manifestación polo Parque da Agra
Manifestación polo Parque da Agra

Como foi a manifestación?

Foi unha mobilización moi concorrida, con centos de persoas participando. Houbo bo humor e un gran espírito reivindicativo. Incluso entregamos a cada manifestante un cadradiño de 1 dm cadrado de espazo verde e deixamolo pegado no portalón do muro do obsevatorio. Este xesto reflicte a absoluta carencia de zonas verdes no Agra do Orzán.

Para que te fagas unha idea, segundo a OMS, cada persoa debería dispoñer de entre 10 e 15 m² de espazos verdes. Aquí, no Agra, apenas temos un decímetro cadrado por habitante. O que pedimos agora é acadar sequera medio metro cadrado, o cal segue estando moi lonxe dos estándares internacionais.

O único espazo algo amplo que temos é a Praza das Conchiñas, pero é todo cemento. Cómpre lembrar que esta praza existe grazas a unha loita veciñal de hai 60 anos, cando os veciños se enfrontaron ás máquinas para evitar a construción de máis edificios.

Houbo respostas despois da manifestación?

Desde o Concello dixéronnos que están traballando niso e que a Corporación está comprometida co derrubo do muro. Pero isto depende tamén do Goberno do Estado. Ambos son do mesmo partido, así que non entendo que problema teñen para resolvelo. Sempre nos falan de trabas burocráticas, pero levamos 50 anos con esta reivindicación. É inadmisible.

AVAgra 52 03
Manifestación polo Parque da Agra

Próximos pasos: continuar a loita

Que accións ides tomar para seguir coa reivindicación?

Imos continuar coas concentracións diante do Concello en María Pita os primeiros xoves de cada mes, coincidindo cos plenos municipais.

Ademais, todos os anos revisamos o estado do barrio: a iluminación, o asfalto, as beirarrúas, os colectores, o ruído… Todo iso recompilámolo nun informe que enviamos ao Concello. No pleno do 11 de decembro, Mercedes Queixas, do BNG, presentou unha moción que recollía estas necesidades. A emenda do Partido Popular engadiu a dinamización do comercio local, un tema moi importante para nós.

A moción foi aprobada por unanimidade, pero esiximos compromisos concretos: cando se van realizar estas melloras?

Actividades da Asociación Veciñal

A Asociación Veciñal Agra do Orzán non só loita por melloras no barrio, senón que tamén organiza numerosas actividades culturais e sociais. Entre elas atópanse:

  • Música tradicional: tamboril, pandeiro, gaita e canto tradicional.
  • Arte e lecer: obradoiros de guitarra, corte e confección, costura, e o grupo “Gosto de vivir a Poesía”.
  • Deporte e benestar: clases de ioga e pilates.
  • Cultura e comunidade: presentacións de libros, palestras temáticas e espazos para ensaios de grupos locais.

Estas actividades están abertas a toda a veciñanza.

Remata Flor:

“A loita segue e continuará, o que queremos é xustiza social e ambiental para o barrio.”

O Manifesto que leu Xurxo Souto o día da manifestación. 

Por que reivindicamos un parque para o barrio da Agra do Orzán?

Vai para 50 anos que os diferentes gobernos municipais decidiron que este noso barrio non precisaba de zonas verdes, é dicir, que a calidade de vida de todas e todos nós era algo pouco importante.

Vai para 50 anos que os gobernos municipais do momento entenderon que quen tiñan que deseñar o barrio eran os especuladores. E así o fixeron en función dos seus intereses económicos, que nada tiñan a ver cos dos habitantes que viñemos habitar o barrio.

Ata cando imos a seguir soportando que pasen de nós?

Ao respecto do espazo vede do que debe desfrutar a poboación para dispor dunhas boas condicioóns de saúde, a OMS recomenda, entre 10 e 15 metros cadrados por habitante (para a poboación do barrio da Agra, precisaríamos máis de 300.000 metros cadrados de espazos verdes).

Que é o que temos no barrio? 1 decímetro cadrado por habitante, é dicir, medio metro cadrado por habitante. 

Esta é a realidade, e de todas e todos nós depende mudala.

É por isto, que seguiremos baixando á praza de María Pita todas as mañás dos primeiros xoves de mes e necesitamos ser multitude. Aí vos agardamos pois a loita continúa.

Parque da Agra Xa!

Agra do Orzán clama polo seu parque: 50 anos de loita veciñal