Asociación veciñal Agra
A Asociación Veciñal da Agra pide ao Concello da Coruña que tome medidas para controlar as colonias de pombas e gaivotas no barrio
A Coruña, 6 de agosto de 2019. A presidenta da Asociación veciñal Agra, María Gutiérrez Calvete, vén de solicitar unha reunión coa Concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, para trasladarlle a preocupación da veciñanza da Agra coa falta de limpeza que sufre o barrio. Esta queixa é unha constante no informe anual que esta asociación entrega ao concello ano tras ano.
Un dos problemas é a falta de control das colonias de pombas e gaivotas, pola sucidade que xeran, e que xa son un problema grave para moitas comunidades de veciñas/os. A falta de colectores de lixo en moitas rúas, fai que estean rebordados e fiquenabertos a maior parte do día, algo que facilita que as gaivotas rachen as bolsas de lixo, á procura de comida, e cisquen o lixo por toda a rúa.
“O aumento das colonias de pombas e gaivotas, sumado a falta de limpeza de moitas rúas do barrio, xera moitísimas protestas por parte das veciñas e veciños” di a presidenta da Asociación Veciñal do barrio da Agra do Orzán, María Gutiérrez Calvete.
Desde a entidade veciñal solicitarán ao Concello unha mellora substancial da limpeza diaria do barrio, ”baldear un día a rúa Barcelona e a Praza das Cunchiñas non é máis que un parche” di a presidenta da entidade veciñal: “Foi pintoresca a aparición do servizo de limpeza municipal baldeando na rúa máis transitada, onde tiña máis probabilidade de ser avistada esa excepcional intervención. Este tipo de “operación” debería ser normal en todas as rúas do noso barrio (diaria ou semanalmente, segundo o necesiten). Postos a limpar de balde, a chuvia é máis democrática, limpa por igual en todos os barrios. O que precisa a Agra é que se limpe enteiramente, igual que se limpa o centro da cidade, nin máis nin menos”.