BNG | nota de prensa
O BNG levará ao congreso unha iniciativa para que se reabra o xardín do Observatorio, fechado desde o comezo da pandemia
O Bloque Nacionalista Galego vai rexistrar unha iniciativa no Congreso para instar o Goberno do Estado a que se reabra o xardín do Observatorio Meteorolóxico, fechado desde o comezo da pandemia, para permitir que a veciñanza da Agra do Orzán volva desfrutar deste espazo ao ar libre para o seu tempo de lecer.
A Coruña, a 9 de xullo de 2021.- Así o anunciou este venres a concelleira do BNG Avia Veira quen, acompañada por Francisco Jorquera e veciñas e veciños do barrio, compareceron perante os medios na rúa Canceliña xusto diante da porta que dá acceso ao xardín do Observatorio.
“Instamos o Goberno do Estado a que se reabra o xardín e urximos o Goberno Local a que, defendendo o dereito da veciñanza da Agra a desfrutar deste espazo, presione politicamente para que a súa reapertura se produza canto antes”, dixo Avia Veira.
“Coa nosa presenza aquí”, engadiu, “reivindicamos o noso modelo de cidade, un modelo ao servizo das persoas. As cidades son para camiñar, para respirar, para vérmonos nas rúas. O noso modelo persegue o benestar das persoas e o coidado do medio ambiente”.
Nesta época pandémica, é máis prioritario do que nunca “manter abertos os espazos públicos”, tan necesarios se queremos evitar contaxios e garantir as distancias de seguranza.
A Agra, remarcou a concelleira nacionalista, é un dos barrios máis densos da cidade, “un dos máis populosos e, porén, un dos menos dotados de equipamentos públicos”. “A veciñanza da Agra pagan impostos como todas as coruñesas e coruñeses e necesitan espazos públicos para respirar, camiñar, para o seu benestar persoal”, subliñou.
E aí está o xardín do Observatorio, fechado desde que comezou a pandemia, en marzo de 2020. “Antes da Covid-19, era un espazo aberto ao público por parte da Axencia Estatal de Meteoroloxía. Teno que volver ser e teno que volver ser canto antes”, urxiu a concelleira, quen salientou que “agora [a Axencia] xa non precisan tanto sitio como antes, pois deixaron de utilizar o globo [co que realizaban medicións atmosféricas] ao usar agora métodos dixitalizados”.
Reabrir o xardín sería un paso na boa dirección, “na de afastarnos decididamente das políticas urbanísticas do pasado, aquelas que priorizaban a construción de edificios sobre os espazos públicos e sobre o dereito da veciñanza a ter unha cidade respirábel, con zonas verdes e ambientalmente sustentábel”.