Crítica anarquista de prexuízos anarquistas
“Hai unha eiva dramática no movemento libertario español, e é a falta de discusión sobre o nacionalismo de Estado”, dixo Carlos Taibo este luns no Ateneo Libertario Xosé Tarrío, un dos centros sociais máis activos do barrio da Agra, falando da difícil relación que o anarquismo mantén cos nacionalismos. Unha fenda que quedou patente nas intervencións do público. Case todas cuestionaron que Taibo compartise a estratexia de boa parte do anarquismo catalán de vencellarse en diferentes modos e intensidades ao procés.
Taibo apuntou que o que sucede hoxe co anarquismo catalán garda paralelismos co que pasou co anarquismo cubano a finais do XIX, que se sumou á loita pola independencia. E dixo que entre a prohibición de votar en referendo e un referendo deturpado, el elixe a segunda. O que intentou poñer de manifesto, mesmo recorrendo a un texto de Bakunin, é que o anarquismo debe diferenciar entre os nacionalismos saídos “da maquinaria do Estado” e “os nacionalismos contra o Estado”, e que nestes últimos (non en todos) poden atoparse (ás veces) características revolucionarias.
Taibo veu presentar o seu último ensaio: Anarquist@s y libertari@s de aquí y de ahora (Los Libros de la Catarata, 2019). E falou contra o anarquismo desde dentro do anarquismo. Foi provocador e sincero: “entre esa tradición que aposta por limitar a organización só ás loitas para evitar que se cren burocracias, e esa outra que reclama artellar organizacións ben alicerzadas que recollan a herdanza do movemento e presenten á sociedade un proxecto, eu quédome con esta última; porque se existe a burocracia é que cando menos hai actividade”. Tamén animou a rescatar o sindicalismo de barrio, constatando a crise do sindicalismo libertario e do sindicalismo en xeral que deixou de falar de alienación e explotación cando a alienación e a explotación están tan presentes. E puxo como exemplo do que podería ser una vía para reactivar o sindicalismo anarquista a vitalidade dos centros sociais, como o propio escenario da charla, que teñen vencellos moito máis fortes cos espazos sociais de loita.
Taibo animou a pensar en conceptos dos que se fala e non se sabe moi ben que conteñen. Como o nacionalismo. E preguntouse se o nacionalismo significa defender a auto-determinación, e significa tamén defender a lingua minorizada, e estar en contra da represión por parte do Estado… “para defender iso tes que ser nacionalista?”. Declarouse favorábel ao dereito de auto-determinación e chamou a dialogar “con todo o mundo”, mais matizou: “outra cousa é acordar”. E insistiu nas eleccións binarias: auto-determinación fronte a exo-determinación (“algo, por outra parte, difícil de concibir”); referendo fronte a represión; nacionalismo contra o Estado fronte a nacionalismo de Estado…
Na súa invectiva contra os lugares comúns do discurso dominante insistiu no despiste do movemento anarquista (“unha eiva de corenta anos”, “nin unha soa teorización”) a respecto do nacionalismo trivial do Estado español, “que parece que non existe pero se manifesta cada día na monarquía, nas forzas armadas, no deporte, nos medios”. Unha solución “lóxica e natural” diante de outras eleccións como xa lle pasou a Ferrer i Guardia, lembrou Taibo, cando lle propuxeron que ensinara en catalán en Catalunya e dixo que en esperanto ou nada (resultado “natural”, en español).
Rematou Taibo intentando deixar un pouso de esperanza, dicindo que o anarquismo pode encontrar espazos comúns con outras tradicións que acrediten na autoxestión e sexan conscientes dos riscos que trae o inminente colapso, animando á “descomplexización” das sociedades no mesmo camiño da descolonización, da despatriarcalización, da destecnoloxización… Mais non evitou mirar cara a cara o que ten diante dos ollos. “Teño que acreditar na xente. Non digo que acredite; digo que teño que facelo… porque se non, nada do que predico ten sentido”.