cultura

Luís Bolón ofrece unha charla sobre Xosé Casal e a arte de tocar e compoñer para gaita galega

O vindeiro venres, 22 de novembro, ás 20:00 h, o local da Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “AGRA”, Rúa Entrepenas número 38 soto. 15010 A Coruña, acollerá unha charla a cargo de Luís Bolón, músico coruñés e recoñecido gaiteiro, sobre Xosé Casal e a súa aproximación á interpretación e composición para gaita galega.
Luís Bolón ofrece unha charla sobre Xosé Casal e a arte de tocar e compoñer para gaita galega
20241122 Bolón
20241122 Bolón

A Coruña, 18 de novembro de 2024. Este venres, 22 de novembro, ás 20:00 h, os amantes da música tradicional galega terán unha oportunidade única de afondar no legado de Xosé Casal.

Luís Bolón, prestixioso músico coruñés, será o encargado de impartir unha charla sobre o xeito de tocar e compoñer deste mestre da gaita, compartindo a súa análise e coñecementos no local da asociación veciñal.

Nado na Coruña en 1995, Luís Bolón comezou os seus estudos de gaita galega con tan só oito anos. A súa formación abrangue a aprendizaxe de frautas traveseiras, percusión, gaita e zanfona con recoñecidos músicos como Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde. Ademais, participou en cursos impartidos por figuras como Carlos Núñez, Dani Bellón, Cristian Silva, Luís Prego, Aleix Tobias, Xisco Feijoo, Carmen Rey e Efrén López. O seu percorrido académico completouse no Conservatorio Superior de Vigo, onde estudou con Lorena Freijeiro, Iván Abal e Carlos Castro, obtendo o título superior en interpretación de Instrumentos da Música Tradicional e Popular.

A traxectoria de Bolón inclúe concertos e recitais por toda Galicia, así como actuacións como músico solista coas Bandas de Música de Sada e Sementeira de Cambre. A súa versatilidade queda reflectida na composición e interpretación da banda sonora da obra teatral *Bath time*. Na súa faceta como docente, impartiu clases en entidades como a A.C. Arume de Caión, a Universidade de Vigo e a Escola Municipal de Música de Abegondo. Actualmente, Bolón é director artístico de Cántigas da Terra e mestre de instrumentos populares na Escola de Música Sementeira de Cambre, ademais de formar parte do grupo Os Melidaos e do colectivo Cantometrics.

Este evento promete ser un punto de encontro para a reflexión e a celebración da música galega, destacando a figura de Xosé Casal e o seu impacto no patrimonio musical da nosa terra. Non perdas a oportunidade de escoitar a visión dun experto coma Luís Bolón sobre este xenial compositor e intérprete.

Luís Bolón ofrece unha charla sobre Xosé Casal e a arte de tocar e compoñer para gaita galega