Entrevista SOS Racismo
Durante a pandemia aumentaron as denuncias por racismo
Nestes momentos onde existen discursos racistas, queremos coñecer a opinión de persoas expertas no campo do racismo en España e en concreto na Coruña.
Falamos con Gabriela Frías Goytia, muller migrante boliviana, fincada desde fai case tres anos en Coruña, doutorada en Psicoloxía e encargada de elaborar as formacións en SOS Racismo Galicia. Ademais Gabriela dedicouse a aprender e falar case perfectamente o galego.
SOS Racismo é unha ONG sen ánimo de lucro que traballa en Galicia na loita contra todo tipo de discriminación e vulneración das persoas migrantes e/ou racializadas, xa que podemos ter persoas españolas ou galegas que poden ser racializadas e/ou estranxeiras, pola súa cor de pel, relixión, orixe, etnia.
Na ONG traballan 5 persoas, todas elas mulleres, e especializadas en diferentes áreas: avogadas, educadoras sociais, psicólogas, integradoras sociais.
Durante a pandemia aumentaron ou diminuíron as denuncias por racismo?
Aumentaron. En SOS Racismo facemos un informe anual e en Galicia houbo aumento de vulneracións, contabilizamos no 2020, 154 casos, a maioría en Coruña. Temos que ter en conta que a OID, Oficina de Información e Denuncia só ten presenza en Coruña e en Vigo, ademais de atender noutras zonas, pero principalmente concentrámonos nestas dúas cidades. A pandemia non significou a diminución de vulnerabilidades, por exemplo a policía paraba moito máis a persoas por perfil racial.
Que formas de comportamento racistas estades a detectar actualmente?
O acceso á banca, por exemplo á apertura dunha conta bancaria, todas as persoas teñen dereito e ademais hoxe en día é indispensable dispoñer dunha conta bancaria e nalgunhas oficinas bancarias incumpriron este dereito. O que vemos é que depende moito da persoa que está a atender ao público, xa que na mesma entidade bancaria, nunha oficina impedían ese dereito e noutra oficina non houbo ningún impedimento.
Outra vulneración é o acceso á vivenda, un dos exemplos que che podo contar é o seguinte: nós facemos acompañamento para alugar unha vivenda e as empresas de alugueiro, teñen pisos onde os seus donos especifican que non queren alugar a súa vivenda a unha persoa negra, mesmo en ocasións a persoas que teñen nacionalidade española, traballo cun contrato indefinido e con ingresos para poder pagar o seu alugueiro e non lla queren alugar, estes casos son moi comúns.
Tamén nos trámites nas institucións, por exemplo non ter resposta da Administración durante 5 ou 7 anos á solicitude da nacionalidade.
Estas serían os principais comportamentos racistas que atopamos, aínda que hai máis
Que formas adopta o discurso de odio en Coruña?
Respecto ao discurso de odio adquire moitas formas, protestas nas rúas, o que pasou ultimamente na situación do barrio dos Mallos, onde ás persoas que se acusaba de ocupas asociábase con persoas en situación de irregular, había certo perfil racista. Nós neste tema estabamos en alerta.
Os bulos é outra adaptación do discurso de odio, por exemplo no caso de Samuel, dicíase que foran un grupo de persoas colombianas, ou de persoas brasileiras, claro todo este tipo de bulos xera malestar e complica a convivencia.
Por que estas noticias falsas atacan a persoas de certas nacionalidades, con certo perfil racial? Actualmente descubrimos páxinas que directamente dan unha mala información, onde tratan de informar sobre que a inmigración é un problema.
As Redes sociais e medios de comunicación difunden discursos preocupantes sobre a inmigración e desde o ámbito político, algúns partidos políticos teñen un discurso moi preocupante e paréceme curioso que a maioría das persoas migrantes non temos dereito ao voto e formamos parte dun discurso pouco construtivo de certos partidos políticos.
Hai unhas responsabilidades moi grandes como se informa sobre o tema da inmigración
Como afrontades o discurso de odio?
Impartindo formacións gratuítas nos ámbitos educativos, unha educación anti racista. O racismo é algo estrutural que se vive desde diferentes ámbitos e nós estamos aplicados a poder informar sobre estas actitudes e este problema e dar outro enfoque e unha información construtiva. Facemos acompañamento ás persoas migrantes ante as vulneracións que viven.
Como se pode colaborar convosco?
Asociándose, en https://www.sosracismogalicia.org e colaborando coas nosas caixas de resistencia